Presentáronse 1.400 curtas ao Armadiña das que só a metade foron aceptadas a concurso
Por Redacción
O pasado 1 de agosto pechouse o prazo de inscrición para o Curtas Armadiña, o certame audiovisual que celebrará entre os vindeiros 13 e 19 de novembro a súa terceira edición no municipio de Poio.
Ao festival presentáronse unhas 1.400 curtas das que só a metade foron aceptadas a concurso, xa que o resto non cumpría as bases. Como requisito para a aceptación no festival, as pezas audiovisuais debían atoparse nunha lingua oficial da Península Ibérica e estar subtituladas en galego ou en castelán, xa que un dos obxectivos do festival deste ano consiste en integrar a comunidade xorda.
Esta terceira edición dividirase en Sección Oficial, Sección Medioambiental, Sección Animación e Sección Videoclip, e os gañadores recibirán, respectivamente, 1.000 euros e unha áncora de ouro, 500 euros e unha áncora de prata, 500 euros e unha áncora especial e 300 euros e unha áncora acreditativa. Ademais, este ano o festival amplíase e ofrecerá unha ampla lista de actividades paralelas e formativas, como cursos, coloquios ou proxeccións externas ao certame, así como a entrega do premio Áncora de Honra, galardón simbólico que se lle concederá a un persoeiro do ámbito audiovisual.
Ao igual que o Armadiña Rock, organizado tamén pola ACDeM Armadiña, o Curtas Armadiña vai sumando enerxía e actividades ano tras ano e na súa terceira edición xa é recoñecido como referencia dentro do panorama audiovisual galego. Para a súa celebración, o festival está patrocinado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio.