Xa pode visitarse no Edificio Sarmiento as obras do Certame "Novos Valores 2017"
Por Redacción
As 37 obras seleccionadas no Certame "Novos Valores 2017" xa poden visitarse ata o 17 de setembro no claustro superior do Edificio Sarmiento.
"Fomentar a arte en Galiza é un dos grandes logros deste certame" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na apertura da mostra que permanecerá no claustro superior do Edificio Sarmiento ata o 17 de setembro. O acto de apertura contou coa presenza do deputado, do director do Museo, Carlos Valle, e dos artistas participantes na exposición.
"Artistas de todas as idades, é dicir, novos en canto á súa entrada no mundo da arte máis alá da súa data de nacemento, contan cun dobre premio ao acadar as distincións dos Novos Valores" indicou Leal.
Cabe lembrar que nesta edición resultou elixida como gañadora a obra titulada "Balcones (serie)", realizada en madeira de balsa por Yolanda Ríos Coello, de Bueu. No apartado de "varios", o xurado elixiu a obra titulada "Espacios definidos", unha peza que mestura debuxo e fotografía de María de la Luz Feijóo Cid, de Baiona. Na categoría de fotografía a obra gañadora titúlase "Crebas de ti, eu", unha obra dixital en cor de Aitor Víctor Fernández Marcos, de Ourense. E por último, no apartado de debuxo a obra gañadora leva o título de "A Viaxe" e corresponde a Borja Guerrero Parapar, de Cariño.
Cada un dos gañadores reciben como premio unha bolsa de 1.500 euros para ampliación de estudos ou proxecto artístico.
Relacionadas:
-
Os bolseiros do certame Novos Valores expoñen no Sexto
Por Mónica Patxot |
-
8.500 visitantes pasaron polo Sexto Edificio do Museo para ver as obras de Manuel Moldes
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra supera os cen mil visitantes no que vai de ano
Por Redacción |
-
Yolanda Ríos, Mariluz Feijóo, Aitor Víctor Fernández e Borja Guerrero gañan os Novos Valores 2017
Por Redacción |
-
101 obras aspiran a ser seleccionadas para o certame de Novos Valores
Por Redacción |