A asociación Vides Novas pide sinaturas para que o Concello de Poio arranxe o tellado do local de ensaio
Por Redacción
Nais de alumnos que asisten a clases de música e de baile da asociación cultural Vides Novas están a recoller firmas para reclamar a reparación da cuberta do local de ensaio onde se imparten as actividades deste colectivo.
O local é a antiga sede onde se impartía preescolar en Viñas, situado na Rúa da Escola. Tras manter varias reunións das nais coa concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro, a representante política prometeu que os danos estarían reparados para o próximo curso. Con todo, estas nais sinalan que non se acometeu ningunha obra ata o momento. Afirman que levan desde febreiro sen poder utilizar esas instalacións.
Por este motivo decidiron recoller sinaturas que serán entregadas o vindeiro xoves 27 ás 14.00 horas no rexistro do Concello reclamando a reparación do tellado. Sinalan que levan máis de 20 anos ensaiando nese espazo e apenas contou con obras de mantemento.