Sabino Torres, Tatá Picó e Pedro Antonio Rivas foron os tres únicos nomes propios que Manolo Yáñez puido poñer diante da súa cámara para rodar o documental "A Mimitos" e que falasen dunha recoñecidísima prostituta do barrio da Moureira na primeira metade do século pasado. A hipocrisía que segue imperando na sociedade dificultou a posibilidade de saber máis daquela muller da que falaba o falecido Torres no seu libro "As tres columnas".
Nun faladoiro no Café Moderno, Sabino Torres mencionou unha meretriz pintada nun mural desas paredes e ao cadro de Rafael Alonso que foi localizado na cidade belga de Namur e no que plasmou á "Mimitos".
Aquí parte a trama desta curtametraxe, a medio camiño entre a realidade e a ficción, avanza Yáñez no Cara a cara de PontevedraViva Radio. En 2015 produciuse aquel faladoiro e de entón a hoxe, Tatá Picó faleceu tras colaborar neste proxecto do mesmo xeito que Sabino Torres, recentemente nomeado fillo predilecto de Pontevedra a título póstumo.
Precisamente, dous dos seus sobriños Francis e Gerardo Lorenzo aparecen neste traballo xunto a Bea Campos ou Celso Bugallo - entre outros -, no reparto. Quen tamén tomou parte activa foi Juan Catoira - que participa neste Cara a cara - e que estivo xunto a Manolo Yáñez "por obrigación e devoción", como actor, iluminador, sonidista e "traidor", relata con retranca.
A "Mimitos" era unha, pero tiña moitos perfiles consecuencia da imaxinación e o desexo. Loura, morena, alta, de estatura media, guapa, ou non tanto, delgada e entrada en carnes. Sexa como fora, o certo é que foi obxecto dos anhelos masculinos daqueles anos. Este venres 21, ás 20.00 horas no Teatro Principal, a "Mimitos" regresa a Pontevedra.