The Body of the Lito 'tira' de Manquiña para presentar o seu primeiro disco en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
The Body of the Lito, un dos proxectos musicais máis peculiares dos últimos tempos, chega á Sala Karma. Será un dos últimos concertos que se enmarcan dentro da programación especial con motivo do seu sétimo aniversario. Liderados polo músico Gonzalo Luna, natural de Barro (Pontevedra) actuarán este martes 27 de marzo ás 22.30 horas.
Sen ningún tipo de artificio musical urbano-modernista, The Body of the Lito botou a vista atrás e rescatou o modus operandi da época dourada do hiphop. Percusiones contundentes, orgánicas liñas de baixo e un meticuloso traballo de sampling recuperan a esencia do hip hop máis puro, seleccionando, "troceando" e reinventando música de artistas tan dispares como Leo Dan, Los Pecos ou Unique Blend, entre outros.
The Body of the Lito, que logrou financiar o seu disco a través de crowfunding, está encabezado por 43, o alias artístico para este proxecto de Gonzalo Luna. Rodeouse de tres bos amigos e artistas para este primeiro volume. Bleis, Iván Sousa e Mariah comparten protagonismo vocal co líder desta nova aventura. Todos eles dan voz a un verdadeiro "popurrí" de temáticas e conflitos emocionais.
Nesta particular aventura, The Body of the Lito quixo contar con dous invitados de luxo no apartado vocal. Por unha banda, Lsebe (Delahoja) que enfatiza a parte máis purista desta traballo, e doutra banda, un dos artistas máis populares dos últimos tempos: Manuel Manquiña. Ademais, Virxilio da Silva e Mon á guitarra, Gus no saxo e DJ Sergio e DJ Digro nas rodas de aceiro darán a súa particular pincelada para redondear este traballo.
Outro dos puntos fortes deste proxecto atópase no artwork do mesmo. Rei Zentolo e Luís Davila encargáronse de dar o acabado visual perfecto a este traballo coa orixinalidade e o humor ao que nos teñen afeitos. Ademais, Sergio Otero encargouse de plasmar coa cámara a frescura e orixinalidade deste proxecto cunha serie de fotos promocionais.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de cinco euros se se adquire de forma anticipada e sete euros se se compra na billeteira, pódense adquirir nos puntos de venda habituais, entre eles, Pequeno Karma e Rei Zentolo Pontevedra.