Os Coribantes, embaixadores culturais de Ponte Caldelas
Por Redacción
O bo facer dos Coribantes de Buchabade traspasa fronteiras. O seu grupo de gaitas foi recibido no Concello de Portugalete con motivo da súa participación no Festival de Danzas desta localidade vasca.
Os músicos caldeláns foron seleccionados polo grupo local Errepelega, que está a celebrar o seu cincuenta aniversario.
Un total de 70 integrantes do grupo partiu o pasado xoves dende Ponte Caldelas nun autobús de 55 prazas, a furgoneta cedida polo Concello, outra de aluguer e varios vehículos particulares.
Os Coribantes participaron o sábado no festival onde interpretaron os últimos temas do seu repertorio, nos que mesturan temas galegos con aires folk, cun concepto musical propio que xa se coñece como o "estilo Coribante".
A volta está prevista para esta noite, despois de aproveitar a viaxe para visitar Vitoria, Bilbao e a ermida de San Xoán de Gaztelugatxe.