Manoele de Felisa, Maianas e Os Coribantes, protagonistas do IV Festival Folk do Río
Por Redacción
A praia fluvial do río Verdugo, na Lama, servirá de escenario natural o venres 14 de xullo para os amantes da boa música e os novos ritmos galegos. A partir das 21.00 horas celebrarase o IV Festival Folk do Río que terá como protagonistas a Manoele de Felisa, Maianas e Os Coribantes.
O festival foi presentado polo alcalde da Lama, Jorge Canda, e o presidente da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade, Ángel Rodríguez Lale.
Ambos destacaron a calidade artística dos participantes na presente edición do festival xa que son "dignos representantes do novo folk galego, moi sensible a diversas influencias musicais doutros pobos facéndoo máis cosmopolita e variado grazas á permeabilidade que se consegue nas súas actuacións entre a música galega e a doutros lugares do mundo".
O alcalde tamén destacou a espectacularidade do escenario natural que conforma a praia fluvial do río Verdugo, que servirá para promocionar o municipio desde o punto de vista cultural, musical e turístico.
Maianas representan, sinalaron os organizadores, un claro vínculo entre as pandereteiras tradicionais e os novos estilos máis modernos e acordes cos tempos enganchando aos mozos coa música folk a través de novos aires e unhas voces cualificadas polos críticos como "anxelicais".
Pola súa banda, Manoele de Felisa é un cantautor galego que navega por diversas experiencias musicais que procura achegar a lírica ao gran público a través dunha poesía musicalizada con ritmos modernos e actuais que o converten nun músico de referencia no panorama do folk galego.
Os Coribantes son uns vellos coñecidos da comarca e da súa escola de música nútrese o seu grupo de baile e gaitas que conforman un espectáculo moi dinámico e de gran ritmo onde se mesturan composicións tradicionais revisadas e actualizadas onde os instrumentos musicais galegos conviven coa incorporación doutros máis propios de concertos.