Premio ao mellor videoclip en galego co Curtas Armadiña 2017
Por Redacción
O festival poiense Curtas Armadiña crea unha nova sección para recoñecer o mellor videoclip da música galega dos dous últimos anos.
Unha das novidades máis salientables da nova edición do festival Curtas Armadiña, organizado pola ACDeM Armadiña, é a incorporación dunha sección dedicada ao mellor vídeo musical en galego dos dous últimos anos.
Esta iniciativa encádrase dentro das medidas para o fomento do galego que o colectivo vai incluír na programación do festival audiovisual, que este ano se celebrará do 13 ao 19 de novembro e que conta coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra.
O gañador do mellor vídeo musical do Curtas Armadiña obterá unha contía de 300 euros e mais unha áncora acreditativa. O xurado encargado de decidir o premio (Xurado Novo) estará composto por adolescentes de Poio entre 15 e 17 anos. A Armadiña ten como obxectivo con esta medida dar a coñecer a nosa música e o audiovisual entre a mocidade, así como achegar as súas actividades á xente nova do municipio.
A sección de videoclips que Armadiña impulsa nesta terceira edición pretende ligar as dúas actividades máis emblemáticas da asociación, o Armadiña Rock e o Curtas Armadiña.
Así, as bandas galegas que fan gozar nas tardes-noites de agosto no festival de música tamén terán presenza a través da pantalla no outono.