Matías Piñeiro preside no Principal a inauguración da Edición 02 de Novos Cinemas
Coa proxección de Hermia & Helena, a última película do cineasta arxentino Matías Piñeiro, deu comezo este martes a Edición 02 do festival Novos Cinemas, que se celebra en Pontevedra ata o vindeiro domingo.
O festival atraeu o interese dos pontevedreses, que encheron o patio de butacas do Teatro Principal para asistir á primeira proxección de Novos Cinemas, que foi introducida polo propio Matías Piñeiro, presente en Pontevedra para impartir un seminario e acompañar a emisión das súas películas, protagonistas do ciclo Retrospectiva.
Antes da sesión inaugural, o público puido ver as pezas audiovisuais creadas pola decena de estudantes do campus de Pontevedra que participaron no obradoiro Correntes, impartido nos últimos meses polo director galego Oliver Laxe.
A sección oficial de Novos Cinemas, na que competirán nove películas durante os próximos días, comezará este mércores 29 de xuño.
Será coa película Porto, unha coprodución entre Portugal, Francia, Estados Unidos e Polonia, dirixida por Gabe Klinger (19.00 horas, Teatro Principal); e con Estiu 1993 (Verán 1993), da española Carla Simón, que se proxectará ás 22.00 horas, e que contará coa presenza da propia directora.
Tamén dará comezo a sección Latexos coa proxección da película arxentina Borrá todo lo que dije del amor pues no sabía bien quién era, de Guillermina Pico. Poderase ver ás 12.00 horas no auditorio do Sexto Edificio do Museo e incluirá un encontro coa directora.
A xornada complétase coa proxección, ás 17.00 horas no Teatro Principal, da película El hombre robado, de Matías Piñeiro na sección Retrospectiva.
Relacionadas:
-
A sétima arte ocupa a rúa
Por Diego Torrado |
-
36 leccións de cinema e moitos latexos na pantalla grande
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Matías Piñeiro, en Novos Cinemas: "O diñeiro no cinema é moi perigoso. Nunca vén só"
Por Alejandro Espiño |
-
Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |