Barro destina 12.200 euros para convenios coas entidades culturais
Por Redacción
O goberno municipal de Barro, co obxectivo de mellorar a promoción cultural no concello e posibilitar a formación en diversas actividades artísticas -musical, canto coral e baile e música tradicional- vén de asinar convenios coas tres principais entidades culturais do municipio.
O obxectivo é que todas elas realicen actuacións nos distintos eventos e actividades das parroquias e, ao mesmo tempo, que sigan realizando a labor formativa, que permite que moitos nenos e nenas se acheguen ás especialidades artísticas de cada unha das entidades.
Os convenios asináronse co Grupo de Danzas Amor Ruibal por importe de 2.500 euros, coa Coral Polifónica de Barro por importe de 1.500 euros e coa asociación Cultura e Xuventude de Barro, da que dependen a Banda Xuvenil de Barro e a Escola de Música, por importe de 8.200 euros.
Nestas tres entidades participan un grande número de veciños e veciñas de Barro que ao longo das últimas décadas pasaron polas súas filas e ao mesmo tempo achegan a cultura a toda a xeografía do concello, levando tamén o nome de Barro por toda Galicia.
O Concello destaca que este ano faise un esforzo especial en apoiar a celebración dos 25 anos da Banda Xuvenil de Barro e ao funcionamento da súa Escola de Música.