Negociacións 'in extremis' a tres bandas para que o Festival do Norte se quede en Vilagarcía

Por Alejandro Espiño

© Festival do Norte
"Estamos negociando", recoñecen desde o Festival do Norte. "Si no fuese porque somos de Vilagarcía y queremos seguir aquí, ya hubiésemos dado un portazo hace tiempo". E é que o tempo segue correndo na súa contra. Quedan xa menos de dous meses para a data prevista para a súa duodécima edición, os días 17 e 18 de maio, e a súa situación é crítica ante a falta de resposta en firme por parte do goberno municipal.
"Se creen que todo es gratis y este festival cuesta mucho dinero", explica Toño Caneda, organizador do Festival do Norte. Invístense cada ano uns 400.000 euros, dos cales o 70 por cento asúmenos eles mesmos. O 30 por cento restante complétase coa achega dos patrocinadores privados e as subvencións públicas. E é neste último capítulo por onde chegan os problemas.
Segundo Toño Caneda, "no podemos arriesgarnos a que nos prometan una cantidad y que luego nos den mucho menos". E sinala que o atraso débese non só ao Concello, senón que relevo en AGADIC, o organismo cultural dependente da Xunta, non lles permitiu recibir tampouco un apoio económico por parte do goberno autonómico. "Son todo recortes y la cultura es lo último, estamos palmando pasta por todos lados".
"Muchos grupos ya no podían esperar más por nosotros, tenían otras ofertas y les hemos dicho que las acepten"
Esta situación levounos, recoñece Caneda, a ter que renunciar á presenza no Festival do Norte de "importantes grupos". Asegura o productor que "ya no podían esperar más por nosotros, tenían otras ofertas y les hemos dicho que las acepten". E os problemas aumentan se se trata de grupos internacionais. "Las negociaciones con ellos son más largas y todo este retraso nos está complicando la vida".
Á espera de confirmar o financiamento, os organizadores do Festival do Norte seguen traballando na súa programación. Celebrarase os días 17 e 18 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, unha ponte festiva que esperan que lles axude a bater o seu récord de asistentes cifrado en máis de 20.000 persoas. Para lograr unha maior asistencia, especialmente tralo atraso deste ano, decidiron rebaixar tamén o prezo das entradas.
Os abonos para os dous días serán cinco euros máis baratos que o ano pasado e custarán 30 euros por adiantado e 40 na billeteira, mentres que as entradas de día terán un prezo de 20 euros (venres) e 25 euros (sábado). A esta rebaixa hai que sumar, recorda Caneda, que o aumento do IVE non se repercutirá na entrada e asumirao o festival. "Nos movemos en márgenes muy justos, pero esperamos que vaya todo bien".
Desde o Festival intentarán pechar un acordo multianual para que non se repitan os apuros deste ano
E outra das grandes novidades serán as actividades complementarias á programación de concertos do festival. O xoves 16 de maio invitarán a alumnos dos colexios de Vilagarcía a que lles acompañen no recinto de Fexdega para que coñezan de primeira man "cómo se monta un festival de estas características", desde o punto de vista organizativo e técnico, sendo testemuñas desde "cómo montamos a carpa a cómo coordinamos a los grupos".
E o sábado 18 de maio pola mañá organizarase unha sesión vermú, amenizada con varios DJ e algún concerto en acústico. Con esta actividade de portas abertas, o Festival do Norte pretende animar a que "padres que tengan niños puedan venir al festival y compartir algo de música con nosotros". Será un evento que contará con degustaciones gastronómicas a prezos populares.
Todo iso se o Festival do Norte logra pechar finalmente un acordo de financiamento co Concello de Vilagarcía. Os contactos continuarán a próxima semana. Desde o Festival intentarán pechar un acordo multianual para que non se repitan os apuros deste ano. Iso si, aínda que os seus organizadores confíen nas boas palabras do goberno municipal, avisan: "xa non podemos esperar máis". A solución, en cuestión de días.
Relacionadas:
-
O Festival do Norte queda en Vilagarcía e presenta cartel: Xoel López, Toy, Delorentos, We Are Standard... e moitos máis
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival do Norte no aire: "Se en Vilagarcía non nos queren, buscaremos outras opcións"
Por Alejandro Espiño |
-
Buscan novas vías de financiamento para que o Festival do Norte continúe en Vilagarcía
Por Alejandro Espiño |