Concerto fin de curso do Seminario Permanente de Jazz
Por Diego Torrado & Redacción
O Teatro Principal acolleu este domingo o concerto fin de curso do Seminario Permanente de Jazz (SPJ) de Pontevedra, un peche do curso 2016-17 que levou tamén a gravación dun disco por parte de todos os participantes.
O SPJ é hoxe un "referente imprescindible no panorama musical pontevedrés e galego" e "nun punto referencial do jazz internacional" sinalou a concelleira de Dinamización Sociocultural e Festas, Carme da Silva, quen quixo pór en valor o camiño andado por un proxecto que naceu hai 16 anos cun obxectivo que parecía moi ambicioso: colocar a Pontevedra no mapa do jazz.
Do SPJ saíron, entre outros, músicos como Paco Charlin, Abe Rábade, Xulio Dasilva, Max Gómez, Xan Campos, Diego Fernández ou Terela Gradín.
O SPJ foi quen de "colocar a Pontevedra como referente dunha música como o jazz que é moi difícil de internacionalizar dende Europa e máis dende Galiza" engadiu a concelleira de Dinamización Sociocultural.
Da Silva tamén quixo destacar e agradecer o esforzo que fan os músicos do Seminario Permanente de Jazz para ter presenza nas distintas actividades desenvolvidas na cidade. "Case non se pode concibir eventos onde non participe dunha forma ou outra os músicos do Seminario".
O coordinador do SPJ, Luis Carballo, puxo a énfase nun traballo prolongado no tempo e que xerou e xera "un universo que nos une": músicos de sona, outros adicados profesionalmente ao jazz, unha relación que se mantén e que cambiaron a historia do país e que os relaciona con Portugal, Nova York ou Amsterdam.
Nesta unión xoga un papel fundamental o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que este ano cumpre 25 anos. Desenvolverase do 21 ao 26 de xullo.