Tras rematar os estudos de Belas Artes "todo sigue o seu curso"
Por Redacción
Ata o vindeiro 9 de xullo estará aberta no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a quinta edición da mostra 'Iso segue o seu curso', que recolle os traballos finais de unha vintena de alumnos do master en Arte Contemporánea, Creación e Investigación, que se imparte na Facultade de Belas Artes.
A mostra está coordinada polos profesores Xosé M. Buxán e Mar Caldas e ofrece unha ampla diversidade de disciplinas e temáticas.
Entre os 21 artistas atópanse persoas de diferentes xeracións -tanto alumnos que veñen de rematar recentemente o grao como de artistas xa con anos de traxectoria-, tamén doutras procedencias xeográficas como Portugal ou Estados Unidos, ou de disciplinas de partida diferentes ás Belas Artes, como son a Filosofía ou a Comunicación Audiovisual.
Eric Balbuena, Ricardo Campos, Patricia Coucheiro, Marta Cousiño, María Xosé Domínguez, Iago Fernández, Yatir Fernández, María García, Merce González-Anleo, Blanca Nieves Lourés, Montse Martínez, Gabrielle Mendieta, Macarena Montesinos, Olivia Oltmanns, Ana Pérez Valdés, Dimitri Pino, Marta Quinteiro, Miriam Rodríguez Méndez, Irene Romero, Vanesa Soares e Aitana Tubío son os artistas que integran a mostra.
Ao igual que nas anteriores edicións, a mostra contén obra videográfica, fotografías, instalacións e debuxos dunha nova xeira de artistas que veñen de rematar os seus estudos no máster na Facultade de Belas Artes e que contan co marco do Museo de Pontevedra para amosar os seus primeiros traballos ao público.
Nesta quinta edición, ademais das disciplinas habituais, tamén destaca un traballo sobre un proxecto de documentación sobre arteterapia, que incorpora a relación entre a práctica artística e o mundo da discapacidade.
Así mesmo, no acto de inauguración deste ano incorporouse unha performance, que correu a cargo da artista estadounidense Grabielle Mendieta.
Este proxecto expositivo leva realizándose,a través dunha colaboración entre o Museo e a Facultade de Belas Artes, desde a posta en marcha deste master.