Sete festivais audiovisuais de Pontevedra reciben 80.000 euros da Deputación
Por Redacción
O Festival Play-Doc de Tui, o FIC de Bueu, o Armadiña de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, o Festival de Cans do Porriño, o Curtas Film Fest de Vilagarcía e o Festival Primavera de Cine de Vigo estrearán este 2017 a primeira edición dunha nova liña de axudas concedida pola Deputación Provincial.
A Xunta do Goberno provincial aprobou este venres a resolución da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra, unha aportación total de 80.000 euros destinada a contribuír ao mantemento, impulso e estabilidade deste tipo de festivais.
Segundo informou a Deputación, o XIV Festival de Cans é o que recibe unha maior aportación, 13.834 euros, seguido dos 13.448 euros cada un do FIC Bueu e o Curtas Film Fest de Vilagarcía. Séguenlles o XIII Play-Doc de Tui con 13.384 euros, o Festival Novos Cinemas de Pontevedra con 9.935 euros, o VI Festival Primavera de Cine de Vigo con 9.060 euros, e o III Festival de Curtas Armadiña de Poio con 6.809 euros.
Estas axudas son resposta ás demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia, e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivables estables e transparentes.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, considera que era unha convocatoria "moi necesaria" para establecer un marco estable de axudas á promoción e á posta en valor do cinema e do audiovisual, por tratarse dun "patrimonio que debemos apoiar e polo que debemos apostar desde a Administración". Resalta, ademais, que son eventos "de calidade e xa consolidados".
ATLÁNTICO EXPRESS
Por outra banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer que xa se esgotaron as 185 prazas para a viaxe en tren Atlántico Express entre Vigo e Porto organizada para promover os Festivais Rías Baixas. Encherá de música, gastronomía e influencers o tren celta que une Vigo coa urbe portuguesa.
Relacionadas:
-
Premio ao mellor videoclip en galego co Curtas Armadiña 2017
Por Redacción |
-
VIDEO.- Compromiso dos Festivais Rías Baixas coa igualdade e a sustentabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A terceira edición do "Curtas Armadiña" triplica a contía dos premios
Por Redacción |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
O FICBUEU proxectará un cento de curtas no seu décimo aniversario
Por Redacción |