Seis concertos animarán as noites do Encontro de Embarcacións de Combarro
Por Redacción
O comité organizador do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo, reuniuse na pasada tarde de sábado para avanzar na configuración do cartel do evento. Serán catro xornadas nas que a música se presenta como o complemento perfecto para o extenso programa de actividades que está a piques de pecharse.
Durante o día, charangas, corais e agrupacións de música tradicional do entorno encargaranse de que o ritmo e o bo ambiente non decaian. E, xa ao caer o sol, o público poderá gozar da posta en escea de seis formacións da primeira liña da escena musical galega actual. Champurrada; Agoraphobia; Caxade; O Sonoro Maxín; As Tanxugueiras; e Susana Seivane; ofrecerán tres noites de fusión musical, punk, rock, indie e folk para todos os públicos.
Cando falta pouco máis dun mes para o Encontro de Combarro, a xunta directiva e as sociacións recollidas baixo o paraugas de Culturmar continúan co intenso traballo de organización dun evento que traerá ata Poio arredor de 150 embarcacións tradicionais de Galicia, Portugal ou Euskadi. Para todos eles; así como para o numeroso público que se agarda que pase pola vila neses días; e, como non, para a propia veciñanza; tense deseñado unha completa programación que conxuga as saídas de navegación cun sinfín de actividades en terra, cunha pata ben asentada no eido musical.
A primeira xornada do Encontro culminará cunha noite do punk-rock máis actual, da man das bandas Champurrada e Agoraphobia. O venres sera a quenda para as músicas de fusión; grazas ao indie-folk de Caxade e aos ritmos da “Galicia tropical” do Sonoro Maxín. E, xa o sábado, a gaita da ben coñecida Susana Seivane e o trío de pandeiretas das Tanxugueiras porá a guinda.
Relacionadas:
-
Combarro, primeira parada da exposición sobre maquetas de barcos da Deputación
Por Redacción |
-
A maior concentración de embarcacións tradicionais do estado tomará Combarro
Por Redacción |
-
Un obradoiro de "Nós ao grande" anticipa o Encontro de Combarro
Por Redacción |
-
Combarro será a capital europea da cultura marítima no mes de xuño
Por Redacción |
-
150 barcos tradicionais encontraranse en Combarro en xuño
Por Redacción |