O Museo de Pontevedra ofrece visitas guiadas pola súa Semana Santa
Por Oskar Viéitez
Con motivo da Semana Santa, o Museo de Pontevedra proponlles aos seus visitantes, ademais dos percorridos guiados habituais, un itinerario comentado polo ciclo da Paixón de Cristo, centrado este ano na iconografía da Virxe da Piedade.
Os participantes na visita recibirán unha completa información sobre as obras exhibidas no Museo que ofrecen como temática a imaxe de María acollendo o corpo morto de Cristo, en especial en obras pétreas, como un retablo pontevedrés, datado en torno a 1480, ou o frontal de baldaquino procedente de San Bartolomé o Vello, de ao redor de 1500, así como as dos pintores Gregorio Ferro Requeixo, realizada en 1787, ou a de Juan Luís López, de 1970, na que fai unha versión da imaxe venerada na Basílica de Santa María da autoría do escultor compostelano do s. XIX Juan Manuel Magariños Blanco, pai do autor do actual retablo maior.
O percorrido finalizará nas salas de Castelao, que debuxou en papel as imaxes da Piedade do reverso de moitos cruceros galegos e bretóns e trasladou esa versión a temas profanos, como en Matáronlle un fillo, do álbum Atila en Galicia, ou Esta door non se cura con resiñación, de Galicia mártir.
As visitas terán lugar os días 28 e 29 de marzo, Xoves e Venres Santo, ás doce da mañá no Sexto Edificio, e a súa duración aproximada será dunha hora, cun número máximo de participantes por itinerario de 25 persoas.
A inscripción é gratuita chamando ao número de teléfono 986 804 100, extensión 42413, ou enviando un correo electrónico.