Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Aos seus 35 anos, Oliver Laxe é un dos cineastas españois de maior proxección. En 2010 presentou en Cannes a súa primeira longametraxe, Todos vosotros sois capitanes e gañou un premio. Seis anos despois, regresou ao festival coa súa segunda película, Mimosas, e de novo volveu gañar a sección na que competía, neste caso a Semana da Crítica. Agora, mentres prepara os seus novos proxectos, colabora co festival Novos Cinemas de Pontevedra.
Regresou ao campus de Pontevedra, lugar onde estudou e no que "descubrín o cinema con alma", segundo recoñece nesta entrevista con PontevedraViva, un cinema que lle acompañou en toda a súa traxectoria profesional. Agora, tenta transmitirllo aos alumnos do taller Correntes. Nel, guía a dez estudantes na realización dunha serie de pezas audiovisuais que relacionen o Lérez coa súa contorna humana e que serán estreadas na segunda edición do festival.
Que sentes regresando á facultade na que estudaches?
A verdade é que estou emocionado porque é inevitable sentir o paso do tempo cando volves despois de quince anos. Fixen o mesmo percorrido que facía cando vivía aquí. Vivía na Praza da Verdura, un sitio emblemático de Pontevedra. É unha mestura entre a nostalxia e un intento de facer presente dese pasado. Estou contento de volver. Ademais identifiqueime moito cos alumnos que teño no obradoiro, porque lles noto unha sede que eu tiña á súa idade. Gustoume sentir iso.
Pontevedra foi importante para ti, non? Polo menos, desde o punto de vista creativo.
Si, porque vivira na Coruña moitos anos e alí non tiña acceso a un cinema con alma. Non hai cineclub. Aquí si que hai unha institución con moita tradición e había varios obradoiros de extensión universitaria. A universidade foi a que colmou moitas das miñas inquietudes como persoa e como artista. Colmou esa sede de coñecemento e de arte. Foi como descubrir unha nova dimensión da miña persoa. Non tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma e aquí tíveno. Foi como unha pequena iluminación estar aquí en Pontevedra.
Un cinema con alma que logo marcou o teu cinema.
Aquí mordín o anzol, inxectáronme o veleno que me acompañou despois. Desde entón, xa me abandonei á arte.
E quince anos despois, todo iso que sentiches é o que lle trasladas aos alumnos deste obradoiro?
A miña forma de servilos é meterme dentro deles e tentar sentir o que eles están a sentir. Penso que estamos moi desarraigados, moi inadaptados a esa idade e intento falarlles de como o cinema para min foi unha ferramenta para estar máis en harmonía coa xente e co medio no que estou. Intento desde a miña experiencia dialogar con eles e demostrarlles como a arte pode ser unha ferramenta para que eles se emancipen e sexan persoas máis sensibles e, por tanto, soberanas.
Como terías recibido ti no seu día un obradoiro como este?
Imaxínate, pois moi ben. O problema de hoxe en día é que temos unha falta de referentes, de mestres, de amadores, de xente que faga as cousas porque si, porque necesita facelas con amor. Tanto referentes políticos como artísticos ou espirituais. Din que o maior pracer que sente cunha obra de arte é cando sutilmente un sente a liberdade do autor, que nós como espectadores gocemos desa liberdade que é tanta escasa nesta histeria colectiva na que vivimos. E a verdade é que estar en contacto cun artista que é libre, que non ten medos, que pon sempre a súa vida en perigo, que se transforma con cada obra de arte, penso que é nutritivo.
Oliver Laxe en que momento vital se atopa?
"Sigo empregando o cinema como un modo de entender quen son e como vexo este mundo, pero xa estou máis adaptado, máis en harmonía"
Sigo empregando o cinema como un modo de entender quen son e como vexo este mundo, pero xa estou máis adaptado, máis en harmonía. O meu cinema é máis luminoso, menos escuro que ao principio. Para min, o cinema era como unha especie de bastón que empregaba porque non vía. Agora, intúo que empezo a ver, empezo a non ter que precisar ese bastón.
Con Mimosas volviches a triunfar en Cannes. Contento co éxito da película?
Moi contento. Estou a crecer como persoa e como cineasta e estoume permitindo ser libre. Ademais, ver que a xente ten sede destas películas, que non son fáciles de facer, e ver que ten repercusión interior na xente, motívame para seguir facendo películas. Foi un proceso díficil, pero agora xa estou a pensar en regresar a Galicia e facer outros proxectos aquí.
Que tes xa entre mans?
Supoño que rodaremos algo en Pontevedra porque estou a preparar unha película sobre os incendios e desgraciadamente nesta provincia hai bastante. É unha película que será unha homenaxe a esta terra que amo tanto. E en paralelo, estou cun proxecto de granxa escola nos Ancares. Quero rehabilitar os soutos daquelas montañas. Xa empezo a irme do cinema un pouco (ri).
Tiñas ganas xa de volver a Galicia?
Tiña a necesidade de volver, desde hai anos. Mimosas foi un proceso demasiado longo. Sempre mantiven unha conexión porque a miña familia vive aquí. Ademais, atopas unha Galicia alí onde vaias. Hai certos valores de humildade, de sentirse pequenos e en harmonía co mundo, que atopei en Marrocos. A xente no rural ten a mesma alma e o mesmo corazón en calquera parte do mundo.
Adoitas traballas con xente que non son actores ou actrices, é algo que necesitan as túas historias?
"Son o primeiro cineasta español que coas súas dúas primeiras películas vai a Cannes (...) Merezo a oportunidade de que a televisión pública deste país apoie os meus proxectos"
A verdade é que me gusta moito a xente auténtica. Isto para min é un intercambio, non son eu un demiurgo que creo a todo o mundo. Eu adáptome ao mundo. Hai unha mestura, hai ideas miñas pero gústame traballar e esculpir o real, ver a xente como é e que me descubran eles cal é a peli que estamos a buscar. Conmóveme profundamente a xente. Descubrir a alguén e que esa persoa faga un dos meus personaxes é un xogo que me gusta moito. Detecto cousas fermosas na xente e é lóxico que faga películas con eles ou con amigos que me atopo no camiño.
Desde a túa posición actual, como ves o futuro do cinema español?
Hai un cinema moi polarizado. É difícil facer un cinema con alma apoiada polas institucións. E iso a pesar de que ese cinema que se fai á marxe, é o que máis representa á cultura española fóra, somos os que máis imos a festivais. Acabo de ter a negativa de TVE para apoiar a miña nova película, é a terceira negativa que recibo. Son o primeiro cineasta español que coas súas dúas primeiras películas vai a Cannes, encima con premios. Penso que merezo a oportunidade de que a televisión pública deste país apoie os meus proxectos. Pero non se dá o caso.
Non depende só deles que se faga ou non películas, pero apetéceme romper a dicotomía deste cinema de autor que se fai de maneira precaria e o cinema que se fai con diñeiro, que tampouco é comercial porque ese cinema non amortiza todo, nin crea industria, nin xera públicos. Pero atopo no cinema actual moita autocondescencia, que se atopan comodos, é unha sorte de hexemonía. Romper iso non é fácil.
A pesar diso, con Mimosas conseguíchelo...
Estou moi contento coa estrea de Mimosas, desde logo. Empeza a haber redes de distribución alternativas, que é algo que non había. Son de natureza optimista. Creo que as cousas van cambiar, pero non o farán pronto. E facer películas vai ser como sempre, traballar catro veces máis, adoptar máis riscos... Dalgunha forma teño asumido que cun orzamento dun equipo de segunda B, teño que tentar meter ao equipo en Europa. Non pasa nada, porque vou seguir. Ás pelis hai que poñerlles corazón. Na arte tamén pasa. E volverá pasar.
Relacionadas:
-
Oliver Laxe, en Pontevedra: "Pode gustar máis ou menos, pero 'O que arde' era unha película necesaria"
Por Alejandro Espiño |
-
Matías Piñeiro preside no Principal a inauguración da Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Este martes inaugúrase a Edición 02 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival
Por Alejandro Espiño |
-
Oliver Laxe impartirá un obradoiro no campus de Pontevedra da man de Novos Cinemas
Por Redacción |