Máis de medio cento de traballos optan ao II premio Nélida Piñón de relato breve
Por Redacción
A segunda edición do premio Nélida Piñón de relato breve recibiu máis de medio cento de traballos, segundo desvelou o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Son as propostas recibidas tras pechar o prazo de entrega o pasado 1 de maio e agardar uns días pola chegada dos envíos por correo.
Agora ponse en marcha a fase de resolución do certame coa conformación do xurado, que estará integrado por tres persoeiros do mundo da cultura, e co ditame, que se fará público o vindeiro mes de setembro.
O obxectivo deste galardón, impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra, pasa por impulsar a creación literaria en galego no ámbito da narrativa breve e por homenaxear a esta escritora universal, que conta na súa traxectoria co Premio Príncipe de Asturias.
Nesta ocasión, haberá un primeiro premio, dotado con 4.000 euros, e dous accésits de 1.000 euros cada un e tamén se contempla a publicación destes traballos para contribuír á súa difusión entre os lectores e a sociedade.
A segunda edición, que serve para consolidar o premio e o confirma no circuíto dos certames literarios importantes da nosa comunidade, designará ao sucesor do lucense Jesús Castro, que gañou na estrea, no ano 2015, coa obra O vello e o minotauro.
Relacionadas:
-
A entrega do premio Nélida Piñón, inicio das xornadas Cuspedriños10
Por Redacción |
-
Daniel Asorey, gañador da segunda edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón
Por Redacción |
-
Convocado o segundo certame de relato breve Nélida Piñón
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Nélida Piñón visitará Cotobade para presentar o Premio de Relato Breve
Por Redacción |
-
Nélida Piñón, Jesús Castro e o compromiso coa cultura galega
Por Redacción |