As bandas de Cerdedo e Candeán, xuntas no II Festival de Bandas de Música de Cerdedo
Por Redacción
O auditorio do Centro Cultural de Cerdedo acollerá o próximo domingo 7 de maio, a partir das 18.30 horas, a segunda edición do Festival de Bandas de Música de Cerdedo. Desta volta, no certame participará a formación local e a Banda de Candéan.
Así o destacaron o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a directiva da Escola de Música, organizadora do certame, na súa presentación.
O festival, que ten entrada de balde para todo o público, encargarase de estrear a programación cultural do municipio no mes de maio, dedicada ás Letras Galegas.
A organización desta cita musical decidiu repetir experiencia cunha segunda edición tras o gran éxito acadado o pasado ano.
Cubela destacou durante a presentación o "gran esforzo e traballo" que desenvolve a Escola de Música de Cerdedo na súa labor educativa e social e tamén na organización de certames musicais coma este.
Ademais, tamén se referiu á "alta calidade" das actividades da programación cultural do municipio e animou a todos os veciños a asistir ás mesmas "como unha das mellores alternativas para o tempo de lecer".