Dúas curtas nacidas no campus de Pontevedra, finalistas dos Showing Film Awards
Por Redacción
Dúas curtas nacidas no campus de Pontevedra son finalistas nos Showing Film Awards, o certame internacional de curtametraxes promovido pola Showing Foundation e o Centro Universitario Villanueva, que o vindeiro luns celebrará en Madrid a entrega de premios da súa sétima edición.
Un xurado integrado por profesionais do eido seleccionou as curtas Fume e Inefable, realizadas por alumnado e egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, entre as 15 finalistas dun certame que neste 2017 tivo como eixo temático a resiliencia, a capacidade de adaptación a situacións adversas.
"A verdade é que sempre é emocionante recibir noticias como esta, animan moito a seguir facendo audiovisual", salienta o alumno Alejandro Rodríguez, director de Fume, da selección de a que é a súa primeira curta como finalista dun festival no que a organización repartirá 6.000 dólares en premios.
Proxectos de dez centros universitarios españois e do Tecnológico de Monterrey mexicano optarán aos galardóns dun certame no que o egresado en Comunicación Audiovisual Jonatan Toucedo será finalista por terceira vez. Desta volta, con Inefable, a curta que realizou o pasado curso xunto con alumnos e egresados da facultade e que narra a historia de superación do campión paralímpico Alejandro Vidal.
"Deuse a coincidencia de que fiaba perfectamente coa temática do festival", salienta Toucedo da curta coa que retorna a final "dun festival bastante interesante, onde podes estar en contacto coa xente do sector".