Trépia organiza unha nova Aña Urbana en Pontevedra
Por Redacción
Por sétimo ano consecutivo, a Asociación Cultural Trépia trasladará a tradición das "añas" das comarcas de Mondariz, Condado e Paradanta a Pontevedra. Será cunha nova edición da Aña Urbana, que se celebrará o sábado 22 de abril, a partir das doce do mediodía, na Praza de España.
É un evento que pretende achegar ao público unha parte moi descoñecida do patrimonio cultural, un repertorio tradicional vencellado co ciclo das labradas, que dependendo da zona ten unhas características ou outras, sendo a máis común e a que máis chama a atención o feito de acompañar as voces percutindo con pedras nas sachas ou "leghóns".
A Aña Urbana, recordan desde Trépia, xa se ten consolidado non só como un punto de encontro de colectivos, senón tamén como un elemento vertebrador dos esforzos dos investigadores por dar un novo pulo e sentido a unha das tradicións máis senlleiras e particulares da nosa contorna.
E nesta ocasión contarán cunha programación moi novidosa e variada, na que participarán os grupos Pousos da Area, a Escola da Asociación Peis d'Hos, as pandereteiras Ghandainas de Alcabre, o grupo Trébede e os grupos da A.C. Trépia.
Ademais, actuarán os pandereteiros da agrupación Traspés de Vigo e as pandereteiras de Gargamala (Mondariz), informantes directas desta tradición, nos concertos dos grupos convidados, que será a partir das 19:30 horas.
Durante esta Aña Urbana, o público tamén poderá visitar a exposición guiada en colaboración co Centro Etnográfico da Terra de Montes na propia carpa, convertendo así a Aña Urbana nun festival do lecer da cultura e tradición galega, segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulias.
A programación completa da Aña Urbana pódese consultar en trepia.org.