Un doble recital nas ruínas de San Domingos abre un novo festival Pontepoética
Por Redacción & Mónica Patxot
Por sétimo ano consecutivo, Pontevedra acolle o único festival internacional de poesía que se celebra en Galicia. Trátase de Pontepoética, que de novo, reuniu a algúns dos mellores poetas galegos, españois e europeos nas súas linguas oficiais. E a inauguración non puido contar cun escenario de maior excepción: as ruínas de San Domingos.
O monumento acolleu este venres un dobre recital co que Pontepoética tivo o seu primeiro contacto co público pontevedrés.
Nesta sesión dobre, os espectadores puideron gozar de Andrés Neuman, Berta Dávila, Grażyna Wojcieszko, Antón Lopo, Mireia Calafell, Cesáreo Sánchez e Sjón.
Ademais, a escritora Mireia Calafell presentou o espectáculo poético Texturas no pub El Pequeño da rúa Charino.
Pontepoética continuará este sábado co taller de narrativa que Andrés Neuman dirixirá no Teatro Principal, a partir das 12.30 horas.
Xa pola tarde, João Luís Barreto Guimarães, Ana Romaní e Bernardo Atxaga ofrecerán un recital poético no Teatro Principal, ás cinco da tarde. A continuación, ás 19 horas, celebrarase o recital final presentado por Yolanda Castaño, no que haberá lecturas de todos os poetas participantes.
O programa de actividades concluirá o domingo, ás 11.00 horas, co taller poesía que correrá a cargo de Bernardo Atxaga e que se celebrará tamén no Teatro Principal.