Unha indomable Macy Gray marabilla o público pontevedrés na estrea do ciclo Voices
Non todos os días o público pontevedrés pode gozar da espectacular voz dunha das artistas máis recoñecidas da música internacional. E iso notouse no Pazo da Cultura. O concerto de Macy Gray, unha das actuacións máis esperadas do ano en Pontevedra, cumpriu dabondo coas expectativas creadas.
Coas entradas esgotadas desde hai semanas, a estadounidense protagonizou o primeiro concerto do ciclo Voices, que se estrea este ano na programación cultural do Pazo coincidindo co seu vixésimo aniversario. Fíxoo cunha actuación de case dúas horas que fascinou aos centos de persoas que enchían o patio de butacas.
Cun público entregado desde o primeiro minuto, Macy Gray repasou os grandes éxitos da súa carreira, unha traxectoria que comezou hai case vinte anos co disco On How Life Is, no que se incluía un dos seus temas máis recoñecidos, I Try, co que logrou facerse un oco no mundo do soul e do rhytm and blues.
A artista estadounidense interpretou en Pontevedra, especialmente, as cancións do seu último disco, The Way. Pero tamén sorprendeu aos seus fans pontevedreses coas versións que fixo de míticos temas como o Creep de Radiohead ou o My Way de Frank Sinatra, co que concluíu o seu concerto.
Para entón, o público levaba xa varios temas en pé, incapaces de manterse sentados nas súas butacas, contaxiados pola enerxía e o carisma que Macy Gray desprendeu sobre o escenario do Pazo dá Cultura.
A próxima cita co ciclo Voices será con Maika Makovski, que actuará en Pontevedra xunto coa banda Brossa Quartet o próximo 19 de maio, a partir das 21.00 horas.