Achados arqueolóxicos da época romana incorpóranse á exposición do Museo Massó
Por Redacción
O Museo Massó acaba de ampliar a súa colección co material procedente das escavacións arqueolóxicas realizadas en Pescadoira (Bueu), nas que se atoparon numerosas pezas de gran valor datadas na época romana. Entre elas destaca o que se considera o único coitelo deste período atopado en Galicia que aínda conserva o mango de óso, que se empregaba na antiga salgadura.
Algunhas das pezas deste colección arqueolóxica que agora descansa no Museo Massó, e que foron atopadas nos terreos que ocupaba a antiga factoría conserveira de Alonso, son de extraordinaria calidade e, en conxunto, posúen un alto valor histórico e cultural.
Ademais de polo volume, xa que conta con máis de dez mil fragmentos, esta colección arqueolóxica tamén é importante pola súa variedade e heteroxeneidade. Concretamente, está conformada por materiais de construción, industria lítica, vidros, moedas, metais, columnas e pola maioría dos grupos cerámicos característicos do mundo romano.
Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coa recepción destas pezas o Museo Massó estréase como depositario dos materiais arqueolóxicos da bisbarra, "polo que pasa a incorporarse ao sector dos museos arqueolóxicos, dada a importancia tanto cualitativa como cuantitativa destes fondos".
Nas orixes da industria da salgadura
Os materiais procedentes do xacemento de Pescadoira supoñen unha achega moi importante, xa que permiten situar na época romana a orixe da industria da salgadura en Bueu. Unha actividade económica que tivo continuidade como actividade económica principal deste enclave co establecemento das fábricas de salgadura dos cataláns a finais do século XVIII e principios do XIX. Este é precisamente o momento ao que pertence a fábrica de salgadura dos Massó, sede do actual museo.
Durante a rolda de prensa tamén se presentaron as principais iniciativas que impulsará o Museo Massó nos próximos meses. Entre as novidades, o museo está a preparar unha exposición temporal sobre a figura do máis novo dos irmáns Massó, Antonio Massó, co obxectivo de dar a coñecer a súa achega á empresa familiar.
O museo tamén retomará este ano a adquisición de fondos, que permitirán ampliar a colección do museo con pezas únicas e de gran valor, e acometerá a segunda fase do seu plan museolóxico, na que se determinarán as necesidades arquitectónicas para garantir un funcionamento adecuado do centro.
Ademais, para dar a coñecer os novos contidos da súa colección permanente, así como para achegar o museo a todos os públicos, porase a disposición da cidadanía novo material impreso e audiovisual. Tamén se elaborarán dúas producións multimedia para facer máis accesibles e atractivos os contidos do museo, tanto para os visitantes como para os usuarios a través da rede. Finalmente, o Museo Massó daralle continuidade a iniciativas que contan cunha excelente acollida, como é o caso das singraduras didácticas en barco pola ría.