A primeira 'Brass Band' de Galicia sae de Sanxenxo
Por Redacción
A Escola de Música de Sanxenxo logrou dar forma ao I Encontro Brass Band de Galicia, que terá lugar durante toda a fin de semana no Pazo Emilia Pardo Bazán, coa colaboración de músicos profesionais de diferentes bandas de Galicia.
Sanxenxo toma así o relevo de Meaño, que deu os primeiros pasos na implantación da Brass Band, un conxunto instrumental formado exclusivamente por instrumentos de vento metal.
Este proxecto, impulsado por Jesús Iglesias, Rafael Torres e Juan Lois Diéguez, nace coa ambición de converter Sanxenxo en sede permanente dun encontro de solistas e directores profesionais durante unha semana de verán.
En total daranse cita en Sanxenxo 86 músicos de toda Galicia, aos que a concellería de Cultura cedeu as instalacións do auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, ademais de facilitar o uso dos instrumentos da Escola Municipal de Música.
O número de participante obrigará a dividir o programa en dúas seccións, tocando ambas as dúas músicas especialmente composta para Brass Band baixo a dirección de Juan Lois Diéguez, director da Banda de Música de Salceda de Caselas.
Durante a fin de semana realizaranse dúas actuacións abertas ao público, que terán lugar o domingo 2 de abril ás 18:00 horas para os quintetos de diferentes escolas e agrupacións e ás 19:00 horas para a Brass Band. En ambos os casos será necesario retirar as invitacións no Pazo unha hora do inicio dos concertos.