Espectacular estrea de 'Pum Pum!' da compañía pontevedresa Baobab Teatro no Salón do Libro
Por Mónica Patxot
Con música de Davide González, que interpreta un papel de acordeonista, Baobab Teatro estreaba este martes 28 para o público xeral a súa última produción teatral 'Pum Pum!'. É unha montaxe que combina o teatro de actor, os monicreques, as sombras e unha nova técnica con máscaras, o kigonki.
A compañía pontevedresa que lideran Andrea Bayer e Óscar Ferreira trata neste espectáculo temas complexos que afectan á infancia desde un punto de vista tenro, poético e divertido. Na obra cóntanse as necesidades do apoio familiar para determinadas situacións da vida. Desta forma, mestúranse temas relevantes co entretemento buscando a sorpresa do público.
A obra tamén se poderá ver a partir das 18.30 horas deste mércores 29 no escenario do auditorio do Pazo da Cultura dentro das actividades organizadas polo Salón do Libro.
Por outra banda, Orbil, a mascota do Salón do Libro visitará ao longo desta semana hospitais de Vigo, Santiago e Pontevedra acompañado polos contacontos de 'Polo Correo do Vento'. Ademais estanse levando a cabo os cursos para docentes.