'Non des a esquecemento', relatos emocionais e éticos recollidos por Luís Bará sobre os silenciados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O político nacionalista Luís Bará leva tres anos realizando entrevistas e publicando artículos sobre os represaliados a través do seu blog e de diversas revistas. Inicialmente tiña redactado historias sobre Vilaboa e, en concreto, do seu lugar de orixe, Paredes. A partir de aí foi xuntando fragmentos da vida de persoas que sufriron o terror do levantamento militar golpista en 1936.
Baixo o título de 'Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade', Bará escribiu un libro cunha estrutura dividida en cinco apartados. No primeiro recolle os episodios da represión dos que obtivo datos no Concello de Vilaboa, empregando a memoria oral como principal fonte de información, unha fórmula que o autor considera indispensable para poder coñecer a dor que sufriron moitas familias represaliadas.
A segunda parte do libro titulada 'O ronsel das silenciadas' aporta vivencias de mulleres resistentes e solidarias durante aqueles anos que aturaron todo tipo de vexacións a mans dos fascistas, desde o rapado do cabelo a violacións sexuais. O terceiro apartado céntrase na Illa de San Simón e relata situacións que se produciron na prisión da ría de Vigo dende 1936 ata 1943, unha illa que a Bará xa de cativo parecíalle un espazo prohibido e atractivo, "cheo de dor e beleza".
As casas refuxio ocupan outra sección desta publicación facendo referencia ás familias que tiveron o valor de acoller a persoas que eran perseguidas. A última parte 'Era a historia da noite' contén dúas partes, a primeira céntrase nun relato do terror que afectou ás comarcas de Vigo e do Morrazo no ano 1936. A segunda ofrece unha selección de textos que inclúen comentarios sobre fotografías históricas.
O libro editado polo Instituto de Estudos Miñoráns saca unha tiraxe de 1.500 exemplares a un prezo de 15 euros e poderá adquirirse nas principais librarías galegas. Bará explicaba que os beneficios serán destinados a crear o Bosque da Memoria, na entrada do antigo cuartel de Figueirido. Un espazo que contará con árbores frutais e de flor coa idea de lembrar as vítimas silenciadas do levantamento golpista.
O parlamentario e concelleiro do BNG fixo refencia durante a presentación ante os medios de comunicación que este traballo foi duro e tamén doloroso para as persoas que lembraron eses anos, pero insiste na necesidade de eliminar o pacto de amnesia establecido na transición porque "o esquecemento é a maior inxustiza que se pode facer" coas vítimas, apuntou.
A publicación será presentada o vindeiro mércores 15 de marzo ás 20.00 horas no Sexto Edificio do Museo coa actuación musical de Uxía e a intervención de Montse Fajardo, Sabela Bará, Amalia Bóveda, María Lores e Xosé Álvarez Castro.
Relacionadas:
-
Segue vivo o franquismo na sociedade actual?
Por Redacción |
-
Un mural de nomes silenciados lucirá no Concello en memoria das familias represaliadas
Por Mónica Patxot |
-
Salcedo rende homenaxe ás vítimas da represión franquista
Por José Luiz Oubiña |
-
RADIO.- O Concello ofrece unha homenaxe ás máis de 70 vítimas represaliadas de Salcedo
Por Marisa Ciordia |
-
A Pontevedra da loita obreira represaliada no Franquismo retorna do silencio
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
As voces de mulleres de familias represaliadas resoaron no CITA
Por Redacción |