Luis Bará publica o libro "Non des a esquecemento. Relatos do xenocido fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade"
Por Redacción
Luís Bará Torres, concelleiro de Patrimonio Histórico en Pontevedra e deputado polo BNG no parlamento galego, presentará o vindeiro mércores 15 de marzo ás 20 horas no Museo de Pontevedra o seu libro "Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade".
Trátase dun texto sobre memoria histórica que recompila os artigos publicados no seu blog ao longo de case tres anos, desde comezos de 2014 a setembro de 2016. O libro está publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
Os beneficios que poida xerar a venda de "Non des a esquecemento" irán destinados ao proxecto Bosque da memoria en homenaxe aos presos do cuartel de Figueirido e ás mulleres solidarias, promovido polo colectivo A Regaduxa. Memoria histórica de Vilaboa.
Segundo explican dende a editorial, esta publicación "é un acto de compromiso, unha homenaxe ás persoas que o protagonizan e ás súas familias. Nas súas páxinas latexa o alento das vidas nobres, a forza dunha humanidade nunca derrotada, o sentido dunha dor que non foi en van. Se o que aquí se conta cumpre unha función social, se é útil para ter unha visión máis certeira daquel tempo, se consegue simpatía por causas e vidas xenerososas, se provoca coraxe ou emoción ou rebeldía ou esperanza, a tarefa terá sentido".
O libro organízase en 5 partes:
- Memoria de Vilaboa recolle episodios da represión no concello de Vilaboa, utilizando como fonte principal a memoria oral
- O ronsel das silenciadas, presenta un feixe de vidas de mulleres represaliadas, resistentes e solidarias.
- Memorial de San Simón é unha crónica fragmentaria do terror e do fulgor, da desolación e da solidariedade, da penuria e da bondade que confluíron ao longo de 7 anos (1936-1943) nunha pequena illa prisión da ría de Vigo.
- As casas refuxio é unha homenaxe ás familias que acolleron persoas fuxidas, que as protexeron nas noites de invernía e intemperie, nas noites de insomnio.
- Era a historia da noite componse de dúas partes ben diferenciadas. A primeira é o relato do terror que asolou as comarcas de Vigo e o Morrazo no verán do 36. A segunda, unha escolma variada de textos que inclúen comentarios sobre fotografías históricas e reflexións sobre teimas e temas omnipresentes no libro: as feridas, as hemorraxias internas, as gavias, as flores, o dó, a resistencia, a coraxe, a solidariedade.
En definitiva, un relato emocional, subxectivo, belixerante, impregnado da memoria oral recollida en terras de Vilaboa, Pontevedra, O Morrazo, Vigo ou O Salnés.