Lino Pazos presenta o libro 'Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900)' este venres no Museo
Este venres 3 de marzo ás 20:00 horas Lino Pazos presenta o seu libro 'Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900)' no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Ademais do autor, na presentación intervirán tamén Manuel Otero, almirante da Armada R.R., José Luis Arellano, presidente do Gremio de Mareantes de Pontevedra, e a escritora Milagros Bará.
Lino José Pazos está involucrado desde moi novo en temas relacionados co mar e as súas xentes, publicou centos de artigos en revistas e prensa, así como varios libros sobre esta temática, con títulos como 'Naufragios en las Rías Baixas', 'Guerra submarina en Finisterre' ou 'Faros de Galicia'.
En 'Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900)' recompila o tráfico marítimo comercial con Cuba que se realizou entre 1800 a 1900. Trátase dun traballo dunhas 600 páxinas e 150 fotografías nas que o autor pretende sacar do esquecemento as tripulacións destes buques que se xogaron a vida nesta difícil travesía.
Recolle, ano por ano, ao redor de mil naufraxios, corsarios, temporais, anécdotas, ademais duns 3.000 nomes de barcos e outros tantos de capitáns, patróns, armadores e consignatorios.
Para a recolección de datos Lino Pazos consultou sobre todo prensa publicada en México para os primeiros anos do século XIX e na illa de Cuba sobre todo o Diario da Mariña da Habana. Tamén consultou practicamente toda a prensa nacional que tivera páxinas marítimas, así como arquivos ou coleccións particulares. Preséntase en Pontevedra polo contido inédito sobre o tráfico portuario da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
VIDEO.- O campamento de mozos piratas dá o canonazo de saída
Por Antía Fernández Buján |
-
Chegan as quintas xornadas sobre o 'Entroido de Galicia'
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
Deputados provinciais dan voz a Rosalía de Castro polo seu 180 aniversario
Por Antía Fernández Buján |
-
As librerías pontevedresas terán contacontos á hora da merenda
Por Redacción |