More, guitarrista de Despistaos: "En Pontevedra non tocáramos na vida. Dez anos sen vir eran demasiados"
Por Alejandro Espiño
Pasaron dez anos desde que uns mozos de Guadalaxara, que ían xuntos a moitos concertos, decidiron montar un grupo. Así nacía Despistaos, unha banda que desde a súa formación deu moito que falar. Aos poucos, por méritos propios, foron logrado o recoñecemento do público. Hoxe, tras sete discos e un oitavo en camiño, son un dos grupos de referencia do pop-rock español.
Con motivo do seu primeiro concerto en Pontevedra (22:30 horas, Sala Karma), falamos con More, o seu guitarrista. "Tiñamos moitas gañar de tocar aquí", recoñece. "O público galego sempre nos recibiu moi ben". E ese 'feeling' que senten con esta terra demostrárono pechando dúas das súas xiras en Galicia. Foi con senllos concertos en Santiago e Lugo. "E as salas enchéronse ata arriba, foi moi gratificante".
Pontevedra ten moitas ganas de gozar da música de Despistaos. Que nos imos a atopar neste concerto?
Despistaos a toda caña (rise). Serán 27 cancións para un concerto sen pausa. Apoiámonos nunhas proxeccións en video que fixemos nós mesmos. Empezamos a tocar e case nin falamos. Apenas damos un respiro á xente. Gústanos meter moita caña, aínda que para que o público repouse un pouco metemos algunha balada por medio. Pero pouco máis. E nos bises tocamos cinco cancións brutais para acabar o concerto ben arriba.
Chegades cun proxecto novidoso debaixo do brazo. Que podes contar del?
ÿ un traballo que estamos sacando por Internet. Cada certo tempo imos publicando cancións novas e tralo verán a intención é poder reunilas todas nun disco, con algunha que outra sorpresa. Estamos encantados. Afortunadamente vainos bastante ben. Apenas soamos na radio e temos pouca cobertura mediática, pero currámolo moito. Internet é o mellor medio para nós e os nosos fans acolleron moi ben esta proposta.
O voso último disco de estudo, Los días contados, era en formato acústico. Trátase dun estilo completamente diferente ao deste novo traballo, non é así?
"Os principios foron duros. Ademais da música, todos tiñamos un traballo. Tocabamos todo o fin de semana e logo a traballar"
Así é. Non tocamos nada en acústico. Todos os temas que facemos nos concertos son eléctricos, incluídas as catro cancións novas que tocamos. Logo dun ano enteiro tocando todo en acústico, queriamos facer cousas novas. Ao pasar o verán, igual retomamos algo esa parte, pero por agora, non. Á xente estalle gustando moito esta nova xira e seguiremos apostando por iso.
Unha xira especial, ademais, porque estades celebrando o voso décimo aniversario. Que balance fas de todo este tempo?
O balance só pode ser positivo. A verdade é que sempre tivemos moita sorte. A primeira maqueta que enviamos a unha discográfica, colléronnos. E cando pechou, enseguida fichounos unha nova. E logo en 2006 demos o salto a Warner. Non nos podemos queixar. E iso que ao principio era duro porque, ademais da música, todos tiñamos un traballo. Tocabamos todo o fin de semana e logo a traballar. Pero insisto, non nos podemos queixar. A xente quérenos, tocamos o que nos gusta e atopamos o noso sitio.
A xira está sendo moi especial. En xaneiro, cando cumprimos os dez anos, montamos unha megafesta de tres días en Guadalaxara. Tomamos a cidade. Do pouco que nos acordamos, temos moi bo recordo (rise). Viñeron vernos miles de persoas. Foi unha pasada. E agora, ese espírito é que tratamos de levar a todas as cidades polas que imos pasando.
ÿ un pracer escoitarte falar así nun momento tan complicado para a música. Como afrontades vós o día a día?
"Prescindimos de mánager ou de técnicos. Cada un de nós encárgase dunha cousa. Ao ser seis, repartímonos o traballo entre todos e podemos facelo"
ÿ moi difícil agora mesmo poder vivir da música. Gravar un disco custa moito traballo. Volveuse moi complicado que os concellos contraten concertos porque non teñen un duro e a xente non ten diñeiro para pagar entradas. Por iso nós baixámolas a dez euros e está funcionando moi ben. Se vas máis aló é complicado que a xente veña a verte. E en canto ao funcionamento, facemos todo o posible. Prescindimos de mánager ou de técnicos. Cada un de nós encárgase dunha cousa: contratacións, viaxes, relación cos medios, contacto cos fans... Ao ser seis, repartímonos o traballo entre todos e podemos facelo.
Mencionaches o contacto cos vosos fans. Si por algo se caracterizou sempre Despistaos é por manter unha estreita relación con eles...
Gústanos moito estar preto deles. Cando nós iamos a un concerto, sempre nos molaban os grupos que saían a ver á xente despois tocar. Agora facémolo nós. Tomamos unha copa con eles e pedímoslles que nos diga o que lles pareceu. E tamén que nos falen por Internet. Gústanos e é bo para a xente. Séntense ben tratados e é coma se formasen parte dunha familia.
Moitos chegaron a vós, probablemente, trala vosa participación na BSO da serie de televisión Física o química. Que supuxo ese traballo para a vosa carreira?
Foi un apoio máis, sen dúbida. Collemos máis público e conseguimos que relacionasen cancións co grupo. Que soubesen que eran nosas. Pero non nos preocupamos moito por iso, polas boas críticas, especialmente. Recordo que cando gravamos o segundo disco, dicíannos que o primeiro era moito mellor. E cando sacamos o seguinte, que o segundo era insuperable. Así que facemos o que queremos.
E que lle espera a Despistaos neste 2013?
"Grazas a Física o química collemos máis público e conseguimos que relacionasen cancións co grupo. Que soubesen que eran nosas"
Por agora, só pensamos na xira. Acabamos de empezar. Quédannos moitas salas e moitos concertos. Agora mesmo estamos dando ata tres concertos por semana. Levamos 15 cidades e queremos tocar, se podemos, nas 52 capitais. En Ourense ou Pontevedra, por exemplo, non tocaramos na vida. Dez anos sen ir eran demasiados. E xa o ano que vén queremos ir fóra de España. Non sabemos se a Europa ou América. Gustaríanos probar en México, Colombia e Chile. E logo poñernos co disco novo, pero iso xa veremos cando.
E seguir loitando contra a crise no sector, imaxínome. Como o estades vivindo?
ÿ raro. A música está en estado terminal. As discográficas non saben como sobrevivir e á xente sáelle máis barato descargarse o disco de Internet. Xa nin compran sequera os dos grupos que lles gustan. Instalouse a cultura do 'todo gratis' e para nós é brutal. E iso que gravar un disco é moito máis barato que hai anos, pero aínda así. En todo caso, temos moitas ganas, moitas ideas para montar concertos. Así que, aínda que ás veces teñamos que pagar nós os gastos, seguiremos insistindo ata que poidamos.