Maika Makovski súmase a Voices, o novo ciclo musical do Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño
Unha das voces máis peculiares do panorama rock nacional súmase a Voices, o novo ciclo musical do Pazo da Cultura. Trátase de Maika Makovski, que actuará en Pontevedra xunto coa banda Brossa Quartet o próximo 19 de maio, a partir das 21.00 horas.
Tras catro anos sen gravar, Maika Makovski regresa cun novo disco, Chinook Wind. Segue a ser un remuíño escénico, un volcán de dimensións únicas na escena rock nacional, pero retorna, como algúns din, para rockear menos e cun disco -o seu sexto álbum- magnético, turbio e doce ao mesmo tempo.
Chinook Wind, segundo a promotora do concerto, é unha celebración de arte e sensibilidade, unha abraiante colección de cancións que beben da mesma fonte do talento extraordinario desta artista de nai andaluza e pai macedonio, que compuxo o disco tras regresar dunha viaxe a Macedonia na que explorou a fondo unhas raíces que só coñecía dende a distancia.
O resultado desta viaxe materializouse no seu disco máis intimista, cunha produción moi espida, crúa, pero chea de personalidade e na que predominan os arranxos de corda e metais arroupando a súa voz, auténtica protagonista do disco.
Maika Makovski completa con este traballo discográfico un ciclo marcado por incursións no mundo do teatro, un tempo no que tamén actuou e compuxo música, e o fai da man dun vello compañeiro, John Parish (mano dereita de PJ Harvey nalgún dos seus mellores discos).
Para este concerto de Pontevedra, a artista achega unha singular proposta musical acompañada por membros de Brossa Quartet, cuarteto de cordas e colectivo instrumental catalán que busca en todas as súas propostas o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas e estilos musicais.
A súa frutífera traxectoria de máis dunha década está baseada no achegamento á música clásica dende unha nova perspectiva, no compromiso coa música contemporánea e a estrea de autores actuais e na creación propia de músicas de gran transversalidade.
Así, os creadores de Brossa Quartet teñen promovido a colaboración con músicos de estilos tan diversos como o indie, o folk, o hip-hop, o tecnopop ou o rock e con artistas de disciplinas como a danza, o teatro, o cine e a literatura.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo por anticipado de 16 euros, pódense adquirir en ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Maika Makovski, unha estrela fascinante, unha rara avis que emociona ao público pontevedrés
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Maika Makovski, a seducir o público pontevedrés o 19 de maio no Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño |
-
The Divine Comedy actuará o 15 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Unha indomable Macy Gray marabilla o público pontevedrés na estrea do ciclo Voices
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario
Por Alejandro Espiño |
-
Macy Gray, por primeira vez en Galicia: actuará en Pontevedra o 7 de abril
Por Alejandro Espiño |