Crean unha liña de axudas para certames audiovisuais de Pontevedra
Por Redacción
80.000 euros para certames e festivais audiovisuais da provincia que teñan realizado, como mínimo, dúas edicións consecutivas. É a contía da liña de axudas que creou a Deputación de Pontevedra para 2017.
Esta subvención, segundo destacan desde o goberno provincial, recolle e atende as demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivos, estables e transparentes.
A este respecto, o deputado de Cultura, Xosé Leal, asegura que esta convocatoria axudará á promoción e á posta en valor do audiovisual pontevedrés, "do que nos sentimos tan orgullosos", por tratarse dun patrimonio que "debemos apoiar e polo que debemos apostar" desde a administración para que se consolide como unha industrial cultural forte.
No marco do Ano Castelao, a área provincial de Cultura xa apoiara no pasado exercicio o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans do Porriño, o FIC de Bueu, e o Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa, cun importe total entre os catro de 32.000 euros.
Con esta convocatoria, ademais de apostar polo mantemento, impulso e estabilidade deste tipo de certames, inclúense criterios de publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia.
Para optar a estas subvencións, os festivais deben celebrarse en 2017, ter unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións, que un mínimo do 10% dos títulos sexan de produción ou dirección galega, que inclúa actividades paralelas educativas ou formativas, e que empreguen como mínimo a lingua galega na comunicación e no seu desenvolvemento.
Na valoración das solicitudes teranse en conta criterios como a calidade da programación atendendo a premios ou nominacións, o número de espectadores do ano anterior, as actividades paralelas realizadas na anterior edición e a viabilidade do proxecto tendo en conta achegas doutra entidades e patrocinios.
Tamén se valorarán o número de edicións xa realizadas, as actividades paralelas previstas para a edición 2017 e a previsión orzamentaria para o ano da solicitude.