8 de marzo: a cultura como forma de reivindicar os dereitos da muller
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra aposta este ano por adoptar unha postura reivindicativa e de denuncia da situación actual da muller con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, que se celebra este venres 8 de marzo. E o fará mediante unha serie de iniciativas culturais, segundo avanzou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.
A programación deseñada polo Concello de Pontevedra arranca xa este xoves ás 20:00 horas na Casa das Campás. A Asociación de Mulleres Cristiás Galegas e de Xeria proxectará a longametraxe Señora de, premio na sección histórica na mostra de cine de Valladolid. Dirixida por Patricia Ferreira amosa a testemuña de mulleres de varias xeracións que o único que puideron facer foi resignarse e aceptar que naceron nunha época na que foron silenciadas.
O día 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, darase lectura ao manifesto do Concello de Pontevedra. Será a las 19:30 horas na Praza 8 de marzo. Trátase dun documento, que fuxindo de tintes políticos, foi elaborado por os estudantes dos sete institutos que participaron no Club de Debate 2013, que serán tamén os encargados de lelo. E ás 20:00 horas no Teatro Principal, o grupo de teatro afeccionado Avelaíña representará a obra Maríacastaña.
E para o sábado 9 de marzo queda a principal novidade deste ano. Unha acción de rúa a cargo da compañía de teatro Chévere. Son pequenas representacións teatrais (de 10 ou 15 minutos) en escaparates das rúas Michelena, Oliva, Peregrina e Soportais, co propósito de visibilizar a situación da muller mediante a representación de escenas cotiás. Será a partir das 11:00 horas da mañá.
Segundo explicou Patricia de Lorenzo, unha das actrices de Chévere, a compañía ten desde hai anos "unha liña de teatro con perspectiva de xénero" ao entender que o teatro "é unha ferramenta para poder sensibilizar á sociedade sobre a situación da muller e denunciar as desigualdades sociais". Fano mediante traballos que cuestionan a duplicidade de xéneros e cuestionan os estereotipos.
A intención é "sorprender ao público", algo que conseguen "poñendo no escaparate situacións privadas". Un obxectivo que destacou outra das actrices, Mónica García, para explicar que as protagonistas das historias son, por exemplo, unha moza da alta sociedade que quere ocultar as marcas que lle deixan os golpes da súa parella, unha cantante de orquestra que acaba de recibir a súa primeira malleira, ou unha limpadora que reflexiona sobre a súa situación.