"Pastoral. Tierra Madre" de Víctor Ullate chega a Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Chega a Pontevedra o espectáculo "Pastoral. Tierra madre", unha proposta do ballet de Víctor Ullate, que terá lugar o 3 de febreiro ás 20.30 horas no auditorio da sede de Afundación.
Pastoral, de Ludwig van Beethoven, é unha peza moi especial para Víctor Ullate, creada como homenaxe á súa amiga Ángela del Moral, da que foi compañeiro na Compañía de Antonio.
Trátase dunha obra composta por tres actos ben diferenciados: o primeiro reflicte a infancia e o espertar á vida; o segundo, os anos de mocidade e a experiencia do amor; e o terceiro representa a sabedoría acadada grazas á idade e ao paso do tempo. Nesta última parte, a potencia da danza terá o seu impacto no alén.
O propio Víctor Ullate comentaba sobre a peza que "a música de Beethoven sempre me inspirou, gústame a súa forza, a súa enerxía, a súa sensibilidade; con Pastoral, que simboliza a natureza, quixen render homenaxe a Ángela del Moral, compañeira no Ballet de Antonio e amiga da alma a través da que descubrín o amor".
Víctor Ullate fundou en 1988 a compañía que leva o seu nome e que acaba de cumprir vinte e oito anos de traxectoria. En 1997, incorporouse á denominación Comunidade de Madrid.
Víctor Ullate é o director e conta desde 2001 con Eduardo Lao como director artístico, e o talento e o esforzo de ambos son clave para a permanencia e o éxito. Desde o momento da súa creación, o Ballet Víctor Ullate converteuse na primeira compañía privada española de nivel internacional, en canteira de bailaríns e nunha referencia para a danza en España. Ao longo destes anos, o rigor e a esixencia sustentaron a selección e formación de bailaríns, a elección e creación de coreografías, a creatividade e o nivel dos espectáculos. Por iso a calidade da compañía se mantivo constante.