Malkeda estrea ano con videoclip e nova compañía discográfica
Por Redacción
A banda pontevedresa Malkeda comeza con bo pé este 2017. Faino da man dunha nova compañía discográfica, Maldito Records, e cun novo videoclip que nos presenta un dos temas de Cumulonimbo, o seu terceiro disco.
Trátase de Sombras, un vídeo que xa se pode gozar na canle de Youtube de Maldito Records.
Cumulonimbo é o terceiro disco de Malkeda. Editado o pasado mes de abril, é un traballo máis maduro que o seu antecesores pero con toda a forza de sempre, sen deixar atrás o estilo propio do grupo e as súas influencias.
Producido por Ángel Acuña Paz, a banda contou coa colaboración de grandes amigos como Loko23 (vocalista de Delahoja), Javi Gómez Noya (triatleta profesional), Alberto Cereijo (Los Suaves), David Parcero (ex-Malkeda) ou Adrián González (Nihil).
En activo desde 2002, o estilo de Malkeda é considerado como unha mestura de cada un dos seus compoñentes, xa que varía desde o máis rítmico ao máis duro sempre coloreado con pegadizas melodías de voz.
A todo isto súmanse os seus dúas novas incorporacións, Adri ao baixo e Ximo á batería, os cales se adaptaron xa perfectamente á banda.
A recente fichaxe do grupo con Maldito Records permitiu dar un novo impulso á distribución e promoción dixital do disco que, entre outros puntos, está dispoñible en descarga gratuíta na web e redes sociais do grupo.