"Superprodución galega" para homenaxear a Castelao este sábado no Principal con Os de Algures
Por Redacción
A agrupación pontevedresa Os de Algures dá un paso máis no seu traballo de promoción da música e dos traxes tradicionais galegos. Nesta ocasión, achégase á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través do espectáculo 'Pintando traxes, tecendo harmonías', no que se representa un desfile-musical con máis de catrocentas pezas de roupa empregadas en traballos e obras do autor de Rianxo.
José Luis Rodríguez e David Quiñones, responsables da agrupación, presentaban acompañados polo deputado de Cultura, Xosé Leal e pola concelleira Anxos Riveiro o evento que se desenvolverá este sábado no Teatro Principal a partir das 20.30 horas con entrada libre ata completar aforo.
Neste espectáculo van amosarse 17 traxes que reproducen con precisión os recollidos por Castelao nas súas acuarelas, nos seus debuxos e na obra Os vellos non deben de namorarse.
45 persoas participarán nesta cita cultural coa colaboración de integrantes da Aula municipal de Teatro de Pontevedra, a Agrupación folclórica Celme e tamén con figurantes de Soalleira de Dorrón. Van representarse dúas escenas da obra teatral de Castelao e se desenvolverá unha pasarela amosando as vestimentas tradicionais a través de seis cadros onde se amosarán as conexións entre o galeguista e os músicos durante o tempo que pasou na vila do Lérez. "Castelao estivo en contacto con xente que vestía así", afirmaba José Luis Rodríguez, sinalando os traxes que eles mesmos portaban durante a presentación do acto.
Xosé Leal destacou que con este acto, que é unha "superprodución galega" e coa Gala Ano Castelao do domingo no Pazo da Cultura péchanse as actividades desta celebración cun "gran remate".