Xa está aberta ao público no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra "Mar Interior"
Por Mónica Patxot
Xa está aberta ao público no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra "Mar Interior". A exposición é unha retrospectiva pola traxectoria de un autor tan recoñecido como Miguelanxo Prado.
Poderá verse ata o 29 de xaneiro no Sexto Edificio.
Articúlase en dous eixos. O primeiro é vital e sentimental, co mar como teima recorrente e no que están representadas as obras onde ten especial protagonismo: Trazo de Xiz, Ardalén e De Profundis, entre outros. Neste apartado, exhíbense varios cadros con esta temática, material que non é doado ver nas mostras do autor.
O segundo eixo é temático e percorre os diferentes perfís profesionais do artista: o meirande, como historietista, fai un percorrido breve pero intenso polos libros publicados por Miguelanxo Prado, con especial dedicación a Ardalén, obra que mereceu o Premio Nacional, e o seu último libro, Presas fáciles. Tamén se mostran algúns carteis, material menos coñecido.
En outro dos espazos pódese ver a súa obra como paisaxista, o espazo Lugares; e como ilustrador de libros, obras alleas que o debuxante ilumina. Destaca o dedicado ao seu amigo, o recentemente falecido escritor Agustín Fernández Paz. Inclúense ademais as súas tres últimas obras: Miguel EN Cervantes, O Dragón, e o inédito Mael: Máis alá do bosque de Cornanda.
Por último, hai un espazo dedicado á animación, convertido tamén nun punto de encontro para adultos e rapaces co Xabarín como mestre de cerimonias, onde se poden ver as películas Os Vixiantes do Camiño, en exhibición continua, e De Profundis, en varios pases. Tamén se verán paneis onde se conta a súa aventura como debuxante de animación (Xabarín e Men in Black) e varias cubertas da revista Oink!
As salas estarán complementadas con textos do autor sobre a súa obra e diversas vitrinas con bosquexos, libros, merchandising e outras curiosidades. A banda sonora de De Profundis, obra de Nani García, soará ininterrompidamente como ambiente da exposición.