Deside e a súa pintura sen tempo
Por Redacción
O Café Moderno acolle ata o 1 de maio na súa sala de exposicións obras de Deside durante os anos 1975 e 2000. Trátase dun artista cuxas composicións se poderían considerar como forzas cunha intensa vocación de expandirse. A súa obra é practicamente descoñecida en Galicia e, non obstante, trátase do máis auténtico informalismo que, segundo a representante de Artes Plásticas da fundación Novacaixagalicia, mestura poesía, equilibrio, esgazadura e alma.
A comisaria, Rosa Espiñeira Pan, subliñou na inauguración que "o título da exposición responde ao espírito intemporal que preside a mostra. As obras de Deside son intemporais porque non falan dun momento concreto, senón da propia alma do artista, non son obras que se cingan a unha moda pasaxeira, senón que, máis ben, responden ao compromiso do seu autor coa arte".
A mostra conta coa cesión de obras procedentes tanto de coleccionistas persoais, coma do propio artista e do Liceo Casino de Pontevedra. Algúns dos motivos destas obras encóntranse en paisaxes e bodegóns dentro dunha estética complexa cunha influencia fundamental da abstracción. Deside é un artista autodidacta que residiu longo tempo en Cataluña, onde recibiu unha importante influencia de artistas non figurativos.
Novacaixagalicia pon a disposición dos centros escolares un programa didáctico sobre a mostra, ademais de ofrecer unha visita guiada para todos aqueles colectivos que desexen visitar esta exposición.
Pode visitarse de luns a venres de 17:30 a 20:30 h.; mentres que os sábados, domingos e festivos o horario é de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 20:30 h.