Un ano enteiro para dar a coñecer o patrimonio de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
A piques de poñer fin ao Ano Castelao co que a Deputación Provincial de Pontevedra lembrou durante os útimos 12 meses ao polifacético artista, este sábado presentouse o novo proxecto central da programación cultural da institución: o Ano do Patrimonio, que se celebrará ao longo de 2017.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, presentou o proxecto no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, e indicou que prevé que sexa "un ano moi interesante" e tamén moi intenso, pois o patrimonio é "unha cuestión moi ampla" que vai dende o patrimonio industrial ao arqueolóxico ou o material, entre outras moitas posibilidades, que farán da cultura de Pontevedra "un referente" como xa está a acontecer co Ano Castelao.
Como adianto xa dese ano intenso, desde a Deputación impulsouse o Mapa do Patrimonio, en cuxa elaboración participou o arqueólogo Fran Alonso, e que se presentou no Espazo Foro do Culturgal este sábado.
Trátase dun documento que recolle os elementos patrimoniais máis representativos e singulares de cada concello da provincia e distribúese estes días no stand da Deputación no Culturgal. Ademais, chegará a todos os municipios e terá unha versión dixital que se publicará na web da institución provincial cunha xeolocalización dos 400 elementos que recolle.
No Ano do Patrimonio, segundo avanzou Leal, os concellos van adquirir un grande protagonismo e as actividades levaranse por todos os recunchos da provincia. Ademais, adquirirán relevancia o Arquivo Provincial e o Museo de Pontevedra. Ao respecto, o deputado de Cultura resaltou que o patrimonio "leva promocionándose desde a fundación do Museo", que xa é todo "un referente en canto á conservación do patrimonio".
A Deputación conta cun posto no Culturgal no que participan 35 concellos da provincia con iniciativas relacionadas co patrimonio, tanto material como inmaterial. Ademais de repartirse folletos e dípticos, dúas pantallas permiten a proxección de vídeos divulgativos e promocionais, hai un espazo para consulta de publicacións e preséntase e permítese o uso da app educativa 'As viaxes de Castelao'. Ademais, os concellos poden facer micropresentacións para amosar a súa riqueza patrimonial.
A presenza da Deputación no Culturgal é xa evidente desde a entrada do recinto, onde ten un photocall da Gala Ano Castelao coa imaxe dun cartaz elaborado por Rei Zentolo, unha silueta de Castelao a tamaño real e antifaces coas icónicas gafas e sombreiro do autor. Con esta iniciativa búscase promocionar o espectáculo previsto como colofón ao Ano Castelao o domingo 18 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O universo 'Paralaia' de Xosé Manuel Budiño revive no Culturgal
Por Cristina Saiz |
-
Flúe a actividade no escaparate da cultura galega, que "cada ano vai mellorando"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
'Escaquis e Romeu' empezan a escribir a historia do novo Salón do Libro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Máis de 150 actividades para todos os públicos no Culturgal
Por Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O Culturgal une a concellos de todas as cores políticas nas propostas patrimoniais da Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |