Flúe a actividade no escaparate da cultura galega, que "cada ano vai mellorando"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
A actividade foi intensa este sábado durante a segunda xornada do Culturgal. Ademais de presentacións, actuacións e demais actividades de entretemento e divulgación vencelladas co sector editorial, as artes plásticas e escénicas ou o sector audiovisual, foi escenario de presentación de proxectos de natureza pública como o Ano do Patrimonio da Deputación Provincial, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ou o programa Nortear de intercambio cultural entre Portugal e Galicia da Xunta.
Ademais, foi importante o fluir de autoridades, entre elas o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
O máximo responsable autonómico de Cultura visitou a Feira das Industrias Culturais e destacou que é o "gran escaparate da cultura galega" e despois de xa nove edicións celebrándose en Pontevedra "cada ano vai mellorando".
Román Rodríguez destacou que no recinto feiral de Pontevedra estes días preséntase "o mellor de Galicia no eido cultural" e iso non é pouco dicir, pois, na súa opinión, o "entramado cultural de Galicia" é moi rico e forma un sector "moi importante" tanto a nivel social -os galegos deben "estar orgullosos" del- como económico.
Ao respecto, indicou que é "difícil cuantificar nunha cifra" a importancia do sector cultural a nivel económico e empresarial, pero ten moita importancia como escaparate de Galicia fóra da comunidade e tamén como sector xerador de emprego e que permite "darlle saída á nosa creatividade".
En definitiva, considera que "Galicia é unha potencia desde o punto de vista cultural" que no Culturgal "se manifesta con toda a súa forza", de modo que fai un chamamento a todos os galegos que "queiran disfrutar, coñecer e por en valor a cultura do noso país" a que se deixen pasar ata este domingo 4 de decembro polo recinto feiral de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Culturgal pecha as súas portas consolidando as 15.000 visitas e pensando en 2017
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Un ano enteiro para dar a coñecer o patrimonio de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
'Escaquis e Romeu' empezan a escribir a historia do novo Salón do Libro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Máis de 150 actividades para todos os públicos no Culturgal
Por Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Abre as portas o Culturgal, tres días co mellor da cultura galega no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |