Ismael Serrano cancela o seu concerto en Pontevedra "por causas alleas a min e á organización"
Por Alejandro Espiño
Era un dos concertos máis agardados da programación cultural de Novacaixagalicia, pero os pontevedreses quedarémonos coas ganas. A actuación de Ismael Serrano, prevista para o próximo 5 de abril, foi cancelada. Confírmao o propio cantautor na súa páxina de Facebook. Asegura que se suspende "por causas alleas a min e á organización do concerto", aínda que sen dar moitas máis explicacións.
PontevedraViva púxose en contacto con Novacaixagalicia para coñecer as razóns da cancelación deste concerto. Afirman desde a obra social da entidade que só lles consta, a través dun correo electrónico que a compañía promotora do concerto "non pode asumir o evento" e que polo tanto cancélase. "Non é un tema noso", din. En todo caso descartan que se deba a unha falta de interese do público "porque a venda de entradas ía fabulosamente ben".
Desde a promotora do concerto, a empresa Los Paraísos Desiertos S.L. néganse a aclarar as causas da cancelación desta actuación, feito que tamén sucedeu no que o artista ía dar o 12 de abril en Cáceres. Só se limitan a aclarar que os outros dous concertos en Galicia, na Coruña e Vigo celebraranse na data prevista. Descoñécese polo tanto se se buscará outra data para a actuación de Ismael Serrano en Pontevedra.
Ás persoas que compraran a súa entrada por teléfono e internet faráselle a devolución directamente á tarxeta coa que fixesen a compra. As que as compraron en tenda terán que ir coa entrada física ao momento de venda onde a adquiriron.