Unha gala "multidisciplinar" no Pazo da Cultura pechará o Ano Castelao
Por Diego Espiño
O Pazo da Cultura de Pontevedra é o escenario elixido para pechar o Ano Castelao, impulsado pola Deputación con diferentes actividades ao longo do ano e por toda a provincia.
O domingo 18 de decembro, desde as 18:00 horas, o auditorio pontevedrés acollerá unha gala con diversas actuacións, facendo honra a un Castelao que "foi un artista multidisciplinar e poliédrico", sinalou o deputado provincial Xosé Leal.
A actriz Bea Campos será a encargada de conducir un espectáculo no que o protagonismo recaerá na música, o teatro e o humor.
Desta forma a gala contará con Carlos Blanco e Luís Davila cun espectáculo de humor gráfico; Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira encargaranse da parte musical; mentres as pezas teatrais correrán a cargo de Celso Parada e Limiar Teatro. Completará a programación un espazo infantil atendido por Polo Correo do Vento.
A entrada para o evento será de balde, aínda que será necesario retirar unha invitación previa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na sede viguesa da Deputación, a partir do día 1 de decembro.
Á presentación da gala acudiron, ademais do deputado Xosé Leal e a presentadora Bea Campos, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e o autor do cartaz promocional, Pablo Zentolo.
Relacionadas:
-
Gala triunfal para despedir os actos do Ano Castelao
Por Diego Torrado |
-
VÍDEO.- Mannequin Challenge para presentar a Gala do Ano Castelao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo supera a barreira dos 100.000 visitantes e quere pechar o ano con 10.000 máis
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra, galardoado polo seu patrimonio cultural nos Premios da Cultura Galega 2016
Por Redacción |