Volven os Cantos de Taberna aos bares do centro histórico
Por Anxo Lourido
Este venres 1 de marzo, nos bares do centro histórico volverán escoitarse os Cantos de Taberna. Nesta segunda edición, unha das novidades será a de reducir de tres a dous locais que os grupos "cantareiros" visitarán cada noite. ÿ unha petición dos asistentes xa que na anterior programación cando comezaban a animarse, os grupos tiñan que cambiar de bar. O horario é de nove a doce da noite.
A outra novidade é a posta en marcha de dous obradoiros para aquelas persoas que queiran participar nos cantos. Desenvolveranse os días 9 e 16 de marzo no antigo conservatorio de música entre a 10 e as 14:15 horas impartido por María Arribe, profesora do Grupo de Música Tradicional Maravallada. Aquelas persoas que queiran asistir deberán apuntarse chamando ao servizo de Cultura do Concello a través do número 986.89.65.28.
Segundo explicaron a concelleira Carme da Silva e a presidenta da asociación Maravallada, Mar Fernández, os obradoiros son gratuítos pero a admisión será por rigorosa orde de inscrición e o número de prazas está limitado a 20 participantes.
Os Cantos da Taberna comezarán este venres na Casa do Lado e Enpé e continuarán o 22 de marzo, tras a Semana Santa, no Contribución e Estafeta; o 26 de abril no Lareira e Rebusco; o 31 de maio trasladaranse ao Timón e Pasaje para concluír, o 28 de xuño, no Reixas e A Navarra.