O Museo supera a barreira dos 100.000 visitantes e quere pechar o ano con 10.000 máis
Por Redacción
O Museo de Pontevedra xa recibiu no que vai de ano 2016 máis de 100.000 visitas. A barreira cruzouna este 17 de novembro, mes e medio antes de que remate o ano, ao acadar a cifra de 100.217, e o seu logro permite aos responsables da entidade cultural ser optimistas para pechar o ano co récord de 110.000 visitantes.
O responsable de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal, amosou este sábado a súa satisfacción polo repunte no número de visitas e destacou que co "grande éxito" das máis de 100.000 persoas vese a "potencialidade real" do Museo de Pontevedra, dos seus fondos e edificios" e confírmase como "un dos centros do mundo con mellores cifras tendo en conta a súa poboación de referencia", pois o número de visitas supera con creces a poboación do Concello de Pontevedra.
Para Xosé Leal, esta cifra supón un recoñecemento á programación do centro e sinala que na mellora dos números tivo un papel fundamental a reapertura das ruínas de San Domingos este verán tras varios anos pechadas por reformas. Só no mes de agosto tivo 23.477 visitantes.
Outro dos feitos importantes para potenciar o atractivo do Museo de Pontevedra foi, para Xosé Leal, a celebración do Ano Castelao, que incluíu dúas exposición que moveron o maior número de público de toda a programación anual: 'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo 1915-1920', con 11.547 visitantes, e 'Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936', con 11.851.
En canto ás expectativas de cara a final de ano, o deputado de Cultura destacou que a programación prevista, dirixida a todos os públicos, prevé unha grande afluencia, sobre todo a partir do 13 de decembro, data na que se abrirá unha nova grande exposición. Ademais, confía en que para mellorar estas cifras se poidan ir abrindo a curto prazo o resto dos edificios actualmente pechados para executar melloras.
Relacionadas:
-
Unha gala "multidisciplinar" no Pazo da Cultura pechará o Ano Castelao
Por Diego Espiño |
-
O Museo de Pontevedra, galardoado polo seu patrimonio cultural nos Premios da Cultura Galega 2016
Por Redacción |
-
Máis de 40.000 persoas visitaron o Museo durante este verán
Por Redacción |
-
"Meu Pontevedra!" dará paso á mostra que conmemora o centenario das Irmandades da Fala
Por Oskar Viéitez |
-
As ruínas de San Domingos suman máis de 4.500 visitas en cinco días tras a súa reapertura
Por Redacción |