¡Madre mía cómo está España!, a vida a través da mirada de Moncho Borrajo
Por Redacción
Moncho Borrajo regresa a Pontevedra. E faino con novo espectáculo. O auditorio da Sede Afundación en Pontevedra acollerá este venres 18 de novembro, a partir das nove da noite, a representación de ¡Madre mía cómo está España!.
Nel, o cómico galego ofrecerá ao espectador un show cargado de improvisación, tenrura e sarcasmo.
Tras poñer fin á súa triloxía Golfus Hispánicus, Yo, Quevedo e Moncho Panza, Moncho Borrajo, volve con ¡Madre mía, cómo está España! ás súas orixes no mundo da comedia.
Así, Borrajo, que cumpre o próximo ano 45 anos no mundo do espectáculo, regresa á simplicidade e contundencia dos seus inicios. Neste espectáculo o público reencontrarase co Moncho improvisador, pallaso tenro, deslenguado, ácido, cariñoso, politicamente incorrecto e cantante, entre outras facetas.
As entradas, que teñen un prezo de 20 euros, están dispoñibles a través de www.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.