Volve o Liceo Mutante: "Apelamos ao sentido común e á sensibilidade cultural do Concello para que nos permitan seguir"
Por Alejandro Espiño
O Liceo Mutante retomará a súa actividade cultural. Faino a pesar de non contar coa preceptiva licenza de actividade. ÿ a decisión que tomou a asemblea de socios da asociación cultural. Entenden que de persistir a situación actual corren "perigo de desaparición", e móstranse convencidos de que "non somos un prexuízo para ninguén e moito menos para os nosos socios asistentes aos eventos".
Así o aseguran nun comunicado público no que apelan "ao sentido común e á sensibilidade cultural" dos responsables municipais para que "se nos permita seguir adiante de maneira digna e íntegra coa nosa proposta, pois consideramos que xa contamos co respaldo dun amplo sector social da cidade e doutros puntos da contorna xeográfica".
Insisten en que "o noso compromiso coa cultura desinteresado e libre non debería ser obxecto de persecución por parte das institucións públicas". E é que Liceo Mutante recorda que son un colectivo cultural autoxestionado, e por iso manifesta de novo a súa disconformidade coa orde municipal que insta dita asociación o cese na súas actividades musicais.
Recordan que o seu local social, situado na rúa Rosalía de Castro, foi sede da Sociedade Cultural de Salcedo así como tamén de Igrexas Evanxélicas, "onde se viñeron realizando, historicamente, eventos musicais e sociais de todo tipo sen supor problemas de seguridade para os asistentes, un dos motivos expostos polo Concello de Pontevedra para a execución de devandita orde".
Liceo Mutante destaca que a súa actividade cultural "está dirixida á cidadanía de xeito desinteresado, nun espazo autoxestionado e sen ánimo de lucro". Din que os donativos recadados na entrada aos eventos son íntegros para os artistas. Consideran tamén que a súa programación "forma parte da nova realidade na que a transformación social e o crecemento cultural pasa pola iniciativa cidadá, á marxe dunhas institucións públicas cada vez máis castigadas polas políticas de austeridade".
O Liceo Mutante entende que está consolidado "coma espazo de referencia" e que situou a Pontevedra "no mapa da cultura alternativa"
En todo caso, entenden que o Liceo Mutante está consolidado "coma espazo de referencia" e situou a Pontevedra "no mapa da cultura alternativa". Din que a súa iniciativa cultural afástase dos circuítos comerciais, dando cabida a expresións artísticas que dificilmente teñen posibilidades de difusión noutros espazos, "colaborando co desenvolvemento dunha Pontevedra en crecemento impedindo o soterramento da diversidade cultural".
Queren aclarar tamén que no Liceo Mutante non existe actividade comercial, "polo que o noso funcionar pouco ten que ver con competencias desleais cara o sector hostaleiro de ocio nocturno". E recordan que a asistencia aos seus eventos "dista moitísimo de ser masiva", polo que rexeitan calquera comparación con catástrofes como a do Madrid-Arena ou similares.
Conclúen o seu comunicado afirmando que o nacemento do Liceo Mutante, así como a ubicación do seu local social no barrio de Mollabao, "lonxe de ser unha molestia para a veciñanza, está a ser o motor revitalizador dunha zona en decadencia esquecida polos poderes públicos", e aseguran contar co apoio dos veciños para continuar coa súa actividade.