Obras orixinais e exclusivas de Luis Seoane, á venda nunha exposición da galería About Art
Por Redacción
Baixo o título Luís Seoane: artista y editor, a galería About Art de Pontevedra presenta unha curiosa exposición gráfica, bibliográfica e documental sobre Luís Seoane, composta por unha trintena de exemplares, na súa maioría primeiras edicións de libros editados e ilustrados polo autor, un dos máximos exponentes do exilio galego durante a Guerra Civil. Desa época datan a maior parte do material exposto.
Son series limitadas e que van dos anos 30 aos 70, numerados na súa maioría e moitos deles presentan no seu interior debuxos inéditos de Luís Seoane a toda plana, ademais de dedicatorias ou outras curiosidades. A mostra bibliográfica acompáñase de obra orixinal realizada polo autor na Arxentina.
Entre os "tesouros" documentales desta mostra, estarían, entre outros, o primeiro libro ilustrado e realizado por Luís Seoane en 1937, Trece estampas de la traición; ou Lo que han hecho en Galicia, publicado en París en 1937 de xeito clandestino e con pseudónimo, ou o Segundo Libro de Tapas, editado en 1957 nunha tirada limitada a 35 exemplares, que presenta un debuxo orixinal a toda plana con dedicatoria autografada do artista.
Todas as obras proveñen de coleccións privadas e destacan pola súa orixinalidade e baixos prezos de venda. Sen dúbida, unha interesante oportunidade para adquirir obra orixinal e exclusiva de Luís Seoane.
A exposición, poderase visitar na Galería About Art de Pontevedra, de martes a venres, en horario de 11.00 a 14.00 horas e 17.30 a 20.30 horas, e sábados de 11.00 a 14.00 horas. Estará aberta ata o próximo 23 de abril.