Dous mil nenos pontevedreses verán unha obra teatral sobre a adopción
Por Redacción
O Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia acolle esta semana, o mércores 26 e o xoves 27 de febreiro e o venres 1 de marzo a representación da obra de teatro para escolares titulada Malas palabras. Haberá dúas quendas de representación, a primeiro ás 10:00 e a segunda ás 12:00 h, para recibir os case dous mil nenos e nenas que acudirán dos centros da bisbarra pontevedresa.
Esta é a última parada da obra Malas palabras por Galicia, logo de estar nas súas principais cidades.
A montaxe conta a historia de Flor, unha escritora que, desde a súa mesa de traballo, explica como descubriu o segredo mellor gardado polos seus pais: a súa adopción. Con nove anos, a Flor e ao seu amigo o Pelos encantáballes buscar malas palabras no dicionario. A mesma curiosidade levou a Flor a decatarse de que fora adoptada cando era aínda moi pequena. O descubrimento provoca que Flor pase por unha etapa escura, na que pensa que os seus país traizoaron a súa confianza neles mentíndolle sobre a súa orixe.
Cun texto limpo, sinxelo e cheo de simbolismo, a compañía Katarsis traballa a dirección escénica con atención ao movemento coordinado da actriz e os obxectos que a rodean.