Migallas celebra os 20 anos da gravación de 'Canta connosco!'
Por Redacción
Vinte anos pasan nun amén e pouco podíanse imaxinar María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, que aquel disco que gravaban baixo o título 'Canta connosco' en 1996 ía converter en todo un referente da música infantil cantada en galego. Agora, con motivo deste aniversario, a editorial Kalandraka publicou unha edición especial daquel disco con formato libro-CD-DVD, ilustrado polo Premio Nacional Óscar Villán e con vídeos dirixidos por José Miguel Sagüillo.
Este sábado 5 de novembro ás 12.00 horas no auditorio do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, nun acto aberto e conducido pola compañía Migallas Teatro, presentarase este traballo que contén ilustracións, videoclips, karaokes e animacións, que fomentan a interactividade cos escolares.
Cancións como 'O esqueleto', 'O rap da lingua' ou 'Perico Pérez' contan con ´vídeos musicais gravados en distintas prazas e espazos de Pontevedra. Músicos como Xosé manuel Budiño, Suso Vaamonde ou Paco Dicenta colaboraron na interpretación de varios dos temas do álbum nos que se destaca a importancia da ecoloxía, os xogos tradicionais e a importancia do uso da lingua galega.
A defensa que Migallas fai da utilización do galego foi determinante para que, durante este ano 2016, a compañía recibise o Premio Xoán Manuel Pintos, concedido polo Concello de Pontevedra e pola Rede Amiga da Lingua.
Relacionadas:
-
A Banda Migallas presenta 'Zaragallada' no Festival da Lingua da Escola Oficial de Idiomas
Por Redacción |
-
O galego, nas boas mans de Migallas Teatro e Luis Davila
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Migallas Teatro e Luís Davila, galardoados co Premio Xoán Manuel Pintos 2016
Por José Alberto Graña Pérez |