Un concerto gratuíto de De Vacas abre a programación musical de outono do Pazo
Por Redacción
O Pazo da Cultura inaugura a programación musical de outono este domingo 2 de outubro co concerto gratuíto de De Vacas, un cuarteto de guitarra e tres voces cunha forma orixinal de facer versións de éxitos.
De Vacas é un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces: a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia ou o que é o mesmo Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, integrantes entre outras formacións do coro Encaixe (gañador do concurso Oh Happy day da TVG), e Guillerme Fernández (guitarrista de Berrogüetto ou aCadaCanto).
A banda fai versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Dende as Spice Girls ata o Gangnam Style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló, temas que marcaron as nosas tardes de domingo na discoteca e que rescatan nun formato fresco e divertido co que emocionarse e rir a partes iguais.
O concerto será de balde e comezará ás 17.30 horas na sala de exposicións do Pazo.
Esta non é a primeira vez que a Concellaría de Cultura programa un concerto de balde para a inauguración da programación cultural do último trimestre do ano.
A pasada tempada correu a cargo de Lulavia, xunto ao Ballet de Galicia que tivo un grande éxito de público, por iso a Concellaría quere repetir a experiencia co obxectivo, tamén, de dinamizar as salas de exposicións, dándoas a coñecer para captar novos públicos